Alumnos do IES O Couto de Ourense reciben en Madrid o premio consumópolis de consumo responsable
A presidenta do Instituto Galego de Consumo e directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, acompañou hoxe aos membros do equipo El Ordenador, do IES O Couto de Ourense, que recibiron da man da presidenta da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan), Pilar Farjas, o primeiro premio do certame de consumo responsable Consumópolis na categoría de 1º e 2º de ESO a nivel nacional, nun acto que se celebrou no Ministerio de Sanidade.
Coa vitoria do equipo El Ordenador, do IES O Couto (Ourense), Galicia acumula catro triunfos a nivel nacional nos últimos anos ?dos que dous corresponden a alumnos deste instituto. O concurso Consumópolis, impulsado por Aecosan e que a nivel autonómico coordina o Instituto Galego de Consumo en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é xa un verdadeiro clásico entre o alumnado galego.
Os destinatarios desta iniciativa, na que o pasado curso participaron máis de 1.100 escolares galegos, e que estivo centrado no uso responsable das tecnoloxías da información e a comunicación é o alumnado de idades comprendidas entre 10 e 16 anos, coordinados por un docente do centro onde cursan estudos. Participan formando equipos de cinco alumnos e alumnas do mesmo curso, presentando os traballos de forma colaborativa.
Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano.