As Asociacións de Consumidores de Galicia asisten ao primeiro curso organizado este ano pola Escola de Consumo

08/Feb/2010

A Presidenta do Instituto Galego de Consumo Dona María Nava Castro, inaugurou, hoxe día 8 de febreiro, un curso de servizos financeiros dirixido a persoal das oficinas das Asociacións de Consumidores e Usuarios, co obxectivo de afondar nos temas relacionados cos servizos financeiros e do investimento.

No seu discurso inaugural, entre outras cousas indicou que a mellora da cultura financeira dos usuarios destes produtos, é un obxectivo complexo e, no que deben implicarse todas as administracións e entidades intimamente relacionadas co tema.

A educación financeira, dixo, permite aos individuos mellorar a comprensión de conceptos e produtos financeiros, previr a fraude, tomar decisións adecuadas ás súas circunstancias e necesidades e evitar situacións indesexables derivadas, ben dun endebedamento excesivo ou de posicións de risco inadecuadas.

Ademais sinalou que o goberno de Galicia vén amosando unha sensibilidade moi especial con estes temas e por iso recolle dentro do seu plan de acción de consumidores, a realización de campañas de sensibilización e formación nesta materia. Neste sentido, sinalou que esta programación específica sobre educación financeira se enmarcaba dentro do plan anual da Escola Galega de Consumo, adscrita ao Instituto Galego de Consumo.

O curso que se celebra estes días sobre "A protección do consumidor no ámbito financeiro e do investimento" ten como obxectivo implantar unha cultura financeira nos usuarios e formar a profesionais relacionados coa defensa dos dereitos e intereses dos consumidores en Galicia.

Os obxectivos deste curso están formulados de acordo co plan específico que o Instituto Galego de Consumo levará a cabo sobre produtos e servizos financeiros, que inclúe:

-Programación específica sobre educación financeira dentro do plan anual da Escola Galega de Consumo.

-Convenios con asociacións de consumidores para asesoramento mediación nos posibles conflitos deste tipo de produtos e servizos.

-Realización dunha campaña autonómica sobre ofertas deste tipo de produtos e servizos, con especial atención a aspectos de seguridade e publicidade.

-Análise da normativa do sector e dos instrumentos que nela se conteñen para unha adecuada protección dos consumidores.

-Coñecemento das novidades lexislativas que se produciron recentemente neste ámbito.

-Reflexión sobre a situación das persoas consumidoras ante a situación actual do mercado financeiro.

O curso, cunha duración de 16 horas lectivas celébrase na sede do Instituto Galego de Consumo cunha asistencia de 28 profesionais das oficinas de atención das asociacións de consumidores

Área temática

Galería de imaxes