O Instituto Galego de Consumo da Consellería de Economía e Industria recorda que os produtos rebaixados teñen que mostrar o prezo antigo e, ao seu lado, o prezo rebaixado, e deben ter as mesmas garantías que antes das rebaixas
Para continuar a reforzar o nivel de protección dos consumidores galegos a web do Instituto Galego de Consumo pon ao dispor das persoas consumidoras recomendacións básicas a ter en conta durante o período de Rebaixas
Consumo lembra que ante unha posible vulneración dos dereitos dos consumidores é preciso solicitar unha folla de reclamacións e gardar sempre o ticket de compra
Se os consumidores teñen dúbidas ou precisan presentar unha reclamación teñen ao seu dispor as oficinas do Instituto Galego de Consumo, as Oficinas Municipais de Información ao Consumidor e ás distintas organizacións de consumidores e usuarios, ademais de contar co teléfono de información gratuíta do IGC no 900231123
IGC recorda que non se poden vender como produtos rebaixados os deteriorados, os de baixa calidade ou os adquiridos expresamente para esa finalidade
Santiago, 6 de Xaneiro de 2012.-

O Instituto Galego de Consumo da Consellería de Economía e Industria salienta que os consumidores galegos teñen os mesmos dereitos no período de rebaixas que fóra do mesmo e recorda que os produtos rebaixados teñen que mostrar o prezo antigo e, ao seu lado, o prezo rebaixado, e deben ter as mesmas garantías que antes das rebaixas. 

Para continuar a reforzar o nivel de protección dos consumidores galegos a web do Instituto Galego de Consumo pon ao dispor das persoas consumidoras consellos e recomendacións básicas a ter en conta durante o período de Rebaixas que comezará mañá en moitos establecementos da Comunidade. 

As autoridades de Consumo da Xunta recordan tamén que nas rebaixas é posible reclamar do mesmo xeito que fora deste período, e ante unha posible vulneración dos dereitos dos consumidores é preciso solicitar unha folla de reclamacións e gardar sempre o ticket de compra. Se os consumidores teñen dúbidas ou precisan presentar unha reclamación teñen ao seu dispor as oficinas do Instituto Galego de Consumo, as Oficinas Municipais de Información ao Consumidor e ás distintas organizacións de consumidores e usuarios, ademais de contar co teléfono de información gratuíta do IGC no 900231123.

Neste sentido, o Instituto recorda que non se poden vender como produtos rebaixados os deteriorados, os de baixa calidade ou os adquiridos expresamente para esa finalidade. Ademais, os produtos que se venden en períodos de rebaixas teñen que estar á venda anteriormente ao comezo das rebaixas, tendo en conta que é posible atopar, no mesmo comercio, os artigos rebaixados xunto con outros que non o están, por iso deben estar ben diferenciados uns dos outros. 

Ademais, durante o período de rebaixas, o establecemento debe seguir mantendo as mesmas condicións de venda que durante o resto do ano. Así pois, se habitualmente se aceptan nun establecemento cartóns de crédito, tamén ten que aceptalos en períodos de rebaixas e se fai un vale de compra durante as rebaixas, teno que facer polo prezo realmente pagado polo produto. 

Neste sentido, o IGC lembra que os produtos teñen que estar á venda con anterioridade. Os comerciantes non poden adquirilos especialmente para a venda en rebaixas. Tamén é preciso lembrar que facer rebaixas é unha decisión de cada comerciante; mesmo a súa duración (mínima dunha semana e máxima de dous meses). As tempadas de rebaixas están establecidas nun máximo de dous anuais. En Galicia eses períodos son os seguintes: rebaixas de inverno, desde o 7 de xaneiro até o 7 de abril, e rebaixas de verán, desde o 1 de xullo ao 30 de setembro. 

Campaña de Inspección de Comercio Por outra banda, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio tamén intensificou o control das ofertas e descontos en establecementos comerciais no período previo ás rebaixas, e continuará a facelo nas rebaixas, para velar polo cumprimento da Lei de Comercio en materia de promocións e garantir así a protección dos consumidores, evitando prácticas desleais. 

Dentro da Campaña de inspección de promocións de inverno posta en marcha polo departamento que dirixe Javier Guerra xa se realizaron máis de 140 controis en establecementos das principais vilas e cidades galegas seleccionados aleatoriamente, nos que o novo corpo de inspectores de comercio, creado na lei que entrou en vigor hai un ano, realizou labores de vixilancia e asesoramento. 

Neste eido, a norma establece, entre outras cuestións, que para anunciar as rebaixas nos escaparates dun establecemento este deberá ter, como mínimo, a metade dos seus produtos rebaixados, e ademais estes produtos teñen que ter as mesmas características que o resto do ano, non poden estar deteriorados, e non poden ter sido adquiridos especialmente para as rebaixas nin tampouco ter formado parte de ningunha promoción no mes anterior ao comezo das mesmas. Así mesmo, os letreiros e as etiquetas deben exhibir de forma visible o prezo anterior ou a porcentaxe do desconto.

Temática:
Outros