 As xornadas, que se celebran no marco desta iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegarán o próximo 16 de decembro á Casa das Asociacións de Cornes en Santiago ás 16.45 horas e ao Concello de Ames a partir das 18.45 horas
 Durante estes encontros, informarase ao público asistente sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria
 Esta iniciativa, que chega a 22 concellos da provincia da Coruña, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico
 Os consumidores teñen a posibilidade de consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais
Santiago de Compostela, 14 de Decembro de 2016.-

A campaña Dálle luz á túa factura, que desenvolve a Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informará o próximo venres, 16 de decembro, nos municipios de Santiago e Ames sobre as claves para que os consumidores poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria.

 

As novas charlas están programadas na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras, s/n), en Santiago, a partir das 16.45 horas; e no salón de plenos do Concello de Ames (praza do Concello, 2) desde as 18.45 horas. Durante estas xornadas prestarase especial atención ao aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase ao público asistente información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.

 

A campaña informativa Dálle luz á túa factura, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), chegará a máis de 70 concellos de toda Galicia, dos que 22 corresponden á provincia da Coruña. De feito, para mañá xoves, 15 de decembro, tamén están programadas dúas charlas na provincia coruñesa: no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira (rúa Manuel Lustres Rivas, 20) a partir das 16.00 horas, e no auditorio de Padrón (Campo do Souto, 2) desde as 18.45 horas.

 

Os consumidores tamén teñen a posibilidade de acceder, a través das webs do Instituto Galego de Consumo e do Inega, a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura.

 

Estas ferramentas complementan así o traballo de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Temática:
SubministrosElectricidade