Economía e Industria apoia ás Asociacións de Amas de Casa Consumidores e Usuarios de Galicia

30/Abr/2010
Betanzos

A Consellería de Economía e Industria trasladou o seu apoio ás asociación de amas de casa, consumidores e usuarios de Galicia , a través da xerente do Instituto Galego de Consumo, Mª Jesús Muñoz Chesa, que participou hoxe na presentación da nova directiva da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Betanzos.

No acto deuse a coñecer á presidenta desta asociación, Patricia Santos e á súa directiva, ao mesmo tempo que se salientou a labor desta organización, integrada na Federación "Brétema", Federación Autonómica de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Galicia, na labor de protección dos dereitos dos consumidores.

Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria, a través da xerente do IGC, trasladou o seu "apoio decidido" ás asociacións de amas de casa e consumidores por consideralas como "un dos alicerces sobre os que se asenta a política de protección ao consumidor na nosa Comunidade Autónoma".

A Xunta está a colaborar con estas asociacións para impulsar o seu traballo e fomentar a posta en marcha de campañas de sensibilización, detección de fraudes e protección aos consumidores.

Deste xeito, estas organizacións veñen incrementando a súa capacidade de influencia na sociedade, o que as converte en interlocutores de empresas e administracións. Por iso, o Goberno galego, considera prioritario o labor das asociacións de consumidores, como protagonistas no eido da protección dos dereitos e intereses dos consumidores.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, adica unha especial atención ás asociacións de consumidores, como no caso da asociación de Betanzos, que se ten acollido as liñas programáticas relacionadas coa presenza e apoio institucional nas súas actuacións; as axudas económicas directas, que neste caso suman un importe de máis de 600.000 euros, o Plan de Formación Especifico dentro da EGC e o programa de Edición de Materiais Informativos.

Pola súa banda o Plan de Formación Especifico consiste en ofertar de forma singularizada nos obradoiros cos que conta a Escola Galega de Consumo no eido da publicidade, novas tecnoloxías, dereitos e deberes dos consumidores e actividades no supermercado simulado, que forma parte das instalacións de Escola.

Ademais, este ano inclúese como novidade a programación denominada "Enfrontando a Crise", no que se tratarán fundamentalmente temas relacionados cos produtos e servizos financeiros.

Mentres que no que atinxe ao Programa de Edición de Materiais Informativos preténdese lograr unha maior profesionalización e maior protagonismo das asociacións de consumidores.

Ao acto de presentación da nova directiva da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Betanzos acudiron tamén a alcaldesa de Betanzos, María Faraldo, e a presidenta da federación "Brétema", Rosa Celia Otero Raña.

Área temática

Galería de imaxes