Javier Guerra sinala que iniciativas como este certame permiten avanzar de forma efectiva na educación para o consumo
O concurso, destinado a escolares de entre 10 a 16 anos, centrouse en aspectos do consumo responsable como a etiquetaxe dos produtos, o comercio xusto ou o uso axeitado das consolas
O colexio Pablo VI- Fátima da Rúa, o IES Manuel García Barros da Estrada e o CPR Plurilingüe Abrente de Portonovo foron os primeiros clasificados nas tres categorías establecidas
A nova Lei de Protección Xeral das Persoas Consumidoras e Usuarias contempla a creación dunha Rede de Centros de Ensino para o consumo responsable
Santiago, 12 de Xuño de 2012.-

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe na entrega de premios da fase autonómica do concurso escolar Consumópolis o papel que xoga a formación como ferramenta clave na protección dos dereitos dos consumidores. 

Guerra, que sinalou que iniciativas como este certame permiten avanzar de forma efectiva na educación para o consumo, destacou o tratamento destacado que se lle dá á formación na nova Lei de Protección Xeral das Persoas Consumidoras e Usuarias, que contempla a creación dunha Rede de Centros de Educación para o consumo responsable, así como a posta en marcha da Mesa para o Fomento do Consumo Responsable. 

Así mesmo, o conselleiro lembrou a aposta decidida da Xunta de Galicia polo proxecto educativo que está a desenvolver a Escola Galega de Consumo, que no que vai de ano atendeu xa de forma directa a cerca de tres mil alumnos en máis de 200 actividades, que se suman aos máis de 10.600 usuarios que recibiron formación ao longo do ano pasado. 

O conselleiro salientou que os carteis gañadores do certame “servirán para que todos nos paremos a pensar sobre cal debe ser o noso papel á hora de consumir de xeito responsable” e animou aos estudantes a aplicar no seu día a día o aprendido grazas a esta iniciativa. 

Na organización de Consumópolis, que chega este ano á súa sétima edición, participa o Instituto Galego de Consumo, conxuntamente co Instituto Nacional de Consumo e dezaseis comunidades autónomas. O concurso está dividido en varias fases, de xeito que nun primeiro momento os alumnos realizaron un percorrido do xogo on-line sobre consumo responsable e calidade de vida, que incluía probas pedagóxicas e lúdicas e tiña como finalidade adquirir os coñecementos necesarios para desenvolver a seguinte etapa.

Na segunda fase, os rapaces e rapazas participaron por equipos de cinco na realización dunha campaña publicitaria no que, ademais dunha breve memoria sobre a súa participación, tiveron que elaborar un cartel, con diferentes propostas temáticas segundo o nivel no que concursasen, como a importancia de conservar o ticket, o comercio xusto ou o uso axeitado das consolas e dos ordenadores.

Equipos gañadores Nesta fase autonómica do concurso, a Consellería de Economía e Industria concedeu premios dotados con 1.000, 600 e 300 euros para os 3 mellores traballos de cada categoría. Na categoría de 3º ciclo de Educación Primaria, de 10 a 12 anos, resultou clasificado en primeiro lugar o Colexio Pablo VI- Fátima da Rúa (Ourense), seguido polo CEIP Lourido de Poio (Pontevedra), que conseguiu clasificar a un dos equipos que o representaba no segundo posto e a outro no terceiro. 

No tocante á categoría para alumnado de 1º e 2º curso de ESO, o IES Manuel García Barros da Estrada (Pontevedra) conseguiu o primeiro posto, mentres que o segundo e o terceiro posto corresponderon a equipos do IES Maximino Romero de Lema de Baio (A Coruña). 

Finalmente, o CPR Plurilingüe Abrente de Portonovo (Pontevedra), recibiu o primeiro e o terceiro premio dentro da categoría para alumnado de 3º e 4º curso de ESO. Un equipo do Colexio Sagrado Corazón de Xesús de Ribadeo clasificouse en segundo lugar. 

Temática:
Outros