O IGC, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e o Inega poñen en marcha un curso de formación para persoal especializado
Este curso pretende centrarse nas cuestións técnicas que están na base das preocupacións e consultas dos consumidores
Santiago, 19 de Abril de 2010.-

A Xerente do Instituto Galego de Consumo (IGC), María Jesús Muñoz Chesa, o Subdirector Xeral de Enerxía, Carlos Gómez Martínez e o Director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do INEGA, Manuel Eduardo Martínez Oubiña, inauguraron hoxe na Escola Galega de Consumo o curso "As subministracións básicas: a liberalización do mercado enerxético da electricidade".

Este curso terá dúas edicións, dependendo dos destinatarios. Así, os días 20 e 29 de abril, e o 3 e o 7 de maio estará destinado ao persoal que atende as oficinas das asociacións de consumidores e usuarios; e os días 21, 22 e 23 de abril celebrarase a edición destinada a funcionarios das distintas administracións públicas con competencia en consumo.

Unha das maiores preocupacións das persoas consumidoras en este momento é a liberalización, o pasado xullo, do mercado da electricidade, que ten unha gran repercusión para todos os consumidores. Coa entrada en vigor do Real Decreto 485/2009 do 3 de abril, que regula o subministro de enerxía eléctrica cambia a contratación, que ata esa data realizábase cos distribuidores directamente para pasar a facelo coas empresas comercializadoras, o que supón un cambio tanto na contratación como na facturación.

No actual marco de competencias, quedan extinguidas as tarifas integrais de enerxía eléctrica e só se permite acollerse ao réxime de tarifa de último recurso (TUR) aos consumidores finais conectados en baixa tensión, cuxa potencia contratada sexa inferior a 10KWH, e achegándose á tarifa libre os que superen dita potencia.

Todo isto supón que os consumidores achéganse ás distintas oficinas de consumo, tanto de titularidade pública como privada para consultar as dúbidas e problemas derivados dos seus contratos de subministro eléctrico. Consciente diso, o IGC convoca dúas edicións deste curso co obxectivo de analizar a normativa que regula a liberalización do mercado das subministracións enerxéticas, en especial a enerxía eléctrica, así como a situación dos consumidores ante este novo panorama.

O programa deste curso foi desenvolvido conxuntamente entre o IGC e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria e cunha colaboración especial do INEGA, polo que tamén abordará o tema do aforro e da eficiencia enerxética.

Este curso pretende centrarse nas cuestións técnicas que están na base das preocupacións e consultas dos consumidores, daquela que pretende ser un curso eminentemente práctico, propiciando o debate a través dunha mesa redonda na que se poderá expoñer o punto de vista de todos os axentes implicados: Administración, Empresa Comercializadora e Asociacións de Consumidores e Usuarios.

Neste curso, que en cada unha das edicións conta con máis de 25 asistentes de toda Galicia, participarán tamén tres funcionarias da Oficina de Consumo do Concello de Santa Cruz de Tenerife.

Temática:
Outros