A campaña Infonadal do Instituto Galego de Consumo ofrece tamén accións formativas destinadas aos consumidores
As actuacións de inspección centraranse nas grilandas luminosas, os xoguetes para menores de tres anos e os teledirixidos
Santiago, 9 de Novembro de 2011.-

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo (IGC) organiza un ano máis a campaña InfoNadalConsumo, na que, de cara ás compras de Nadal, se intensifican as actuacións de control do mercado que a inspección de consumo leva a cabo permanentemente para garantir a seguridade dos produtos, e que inclúe tamén accións formativas para atender á necesidade de orientación, información e formación dos consumidores galegos nestas datas.

Dentro do programa InfoNadalConsumo o IGC pon en marcha tres novas campañas específicas de control centradas nas grilandas luminosas, os xoguetes teledirixidos e os destinados aos menores de tres anos, na que tamén participa o Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial acreditado pola Entidade Nacional de Acreditacíon (ENAC) para a realización de análises deste tipo de produtos.

O IGC, que tamén vixía o cumprimento das obrigacións dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores, ofrece ademais na campaña InfoNadalConsumo accións formativas da Escola Galega de Consumo (EGC), sobre as compras de Nadal en xeral e a compra de xoguetes. As charlas centraranse en aspectos de seguridade e analizarán ademais as recomendacións pedagóxicas sobre xoguetes en función da idade. Os asistentes tamén afondarán nos dereitos e deberes das persoas consumidoras e como exercelos. Do interese que estas actividades espertan deixa constancia o número de participantes, que o ano pasado ascendeu a 400.

Os destinatarios desta campaña formativa son fundamentalmente as asociacións de consumidores e usuarios e as asociacións de pais e nais do alumnado dos centros escolares de Galicia, ademais do propio alumnado e outros colectivos que poidan estar interesados.

O programa formativo pode consultarse a partir de hoxe na páxina web do Instituto Galego de Consumo (igc.xunta.es), onde tamén se poden realizar as solicitudes ata o vindeiro 9 de decembro. As actividades comezaran o 9 de novembro e rematarán o 15 de xaneiro.

Temática:
Outros