Economía e Industria pon en marcha a campaña de verán para o control dos xoguetes infantís
A Consellería de Economía e Industria recoméndalle aos pais que incrementen a precaución á hora de elixir os xoguetes infantís que empregan os seus fillos e fillas durante o verán, de xeito que se aseguren de que os xoguetes que mercan estean especificamente recomendados para os cativos. Así o explicaron hoxe a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, e a xerente do Instituto Galego de Consumo, Mª Jesús Muñoz Chesa, na presentación da campaña de verán de control de xoguetes infantís, posta en marcha dende a Consellería.
A directora xeral de Comercio incidiu na necesidade de seleccionar con moita atención un xoguete ou un xogo, en función da idade e do desenvolvemento mental ou físico do neno ou da nena que o vai empregar, posto que moitos dos accidentes se producen cando os nenos manipulan xoguetes que non están deseñados especificamente para eles.
Nava Castro lembrou que a Consellería de Economía e Industria dispón do único laboratorio de toda España acreditado para analizar a seguridade dos xoguetes segundo a norma europea UNE-EN 71-1, unha norma que pretende reducir ao máximo posible os riscos que non son evidentes para os usuarios. O Laboratorio de Consumo de Galicia está conformado por cinco departamentos nos que se analizan produtos de consumo mecánico, téxtil, eléctrico, químico e electrónico, e cada ano analiza unha media de 125 xoguetes para comprobar a súa adecuación coas normas de seguridade.
No ano 2010, o Laboratorio de Consumo de Galicia localizou o 25% de todos os xoguetes que se detectaron perigosos en España e, neste ano 2011, leva analizados xa máis de 70 xoguetes, nos que detectaron 22 cumprimentos graves de seguridade. Entre os riscos máis comúns relacionados con estes xoguetes atópanse as bolsas ou embalaxes, os materiais expandibles, os bordos cortantes, as máscaras e cascos, osproxectís que lanzan algúns xoguetes, a inflamabilidade dos materiais dos xoguetes, a presenza de certos compostos químicos, os imáns, os adhesivos, os cordóns, os choques eléctricos ou os flotadores de asento, ademais de riscos específicos para nenos menores de 3 anos, para os que se recomenda extremar as precaucións.
Entre as medidas que se lles recomendan aos pais atópanse revisar a etiquetaxe do xoguete para comprobar que figuran os datos do responsable do produto e que dispón do marcado CE, ler as instrucións de manexo e advertencias – que deberán estar en idioma oficial – comprobar que non teñan bordos cortantes e, no caso dos xoguetes eléctricos, que non teñan fontes de alimentacións a máis de 24 voltios.
Outros produtos
En canto ás gafas de sol, Nava Castro sinalou que estas deben dispoñer dun marcado sobre a montura, a embalaxe ou en forma de etiqueta adhesiva que inclúa os datos do fabricante, o número de categoría do filtro, o número e ano da norma europea que acredita cumprir, así como que inclúan o marcado CE.
Outra das recomendacións útiles para a temporada de verán é a toma de precaucións con respecto ás cremas de protección solar, que deben indicar o factor de protección solar que proporcionan, evitando reclamos do tipo “pantalla total” que poden confundir os consumidores. Así mesmo, deberán informar de cuestións coma o período máximo de permanencia en condicións de insolacións ou a resistencia á auga do protector solar.