Economía e Industria pon en marcha a campaña para evitar sobreprezos na factura eléctrica a 225.000 consumidores

02/Nov/2010
Santiago

A directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo da Consellería de Economía e Industria, Nava Castro, anunciou hoxe a posta en marcha da campaña para informar aos consumidores domésticos de electricidade sobre a tarifa eléctrica mais barata, unha iniciativa orientada a "evitar que preto de 225.000 consumidores teñan que pagar un sobreprezo na factura eléctrica".

A directora, acompañada pola xerente do IGC, María Jesús Muñoz Chesa, activou a campaña que "está especialmente dirixida aos clientes con potencia contratada inferior a 3Kw, aos pensionistas con prestacións mínimas, ás familias numerosas e aos fogares con todos os seus membros estean en paro".

Nava Castro explicou que a Consellería de Economía e Industria desenvolverá, a partir de hoxe, esta iniciativa a través do Instituto Galego de Consumo da Dirección Xeral de Comercio coa finalidade de favorecer aos colectivos máis vulnerables e con menos recursos, mediante: a edición e distribución de 30.000 folletos informativos nas 139 oficinas de atención e asesoramento de consumidores que conforman a rede NETCONSUMO en Galicia; a atención personalizada a través do telefono gratuíto de consumidor ( 900 23 11 23), e a información posta a disposición dos consumidores na páxina Web do IGC ( www.igc.xunta.es).

Segundo a responsable de Comercio, "o obxectivo desta campaña é evitar recargas nas facturas eléctricas, tendo en conta que, en moitos casos, os consumidores están a pagar un sobreprezo, que pode evitarse cunha tramitación moi sinxela".

Esta tarifa é unha bonificación na factura eléctrica de consumidores domésticos consistente na conxelación da tarifa vixente até o ano 2012. No caso dos clientes con contratos de subministración cunha potencia contratada inferior a 3 KW a súa inclusión é automática, sen solicitalo. O resto de consumidores debe facer a súa petición á súa comercializadora de último recurso mediante correo ordinario, fax, correo electrónico ou acudindo ás oficinas da distribuidora.

Área temática

Galería de imaxes