Economía e Industria pon en marcha os cursos de formación en consumo a través das TIC

28/Abr/2010
Santiago

A Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha o cursos de "Calidade na xestión e avaliación dos programas de formación. A formación en consumo a través das TIC", que rematan hoxe.

O Instituto Galego de Consumo foi o departamento encargado de organizar estes cursos que tiveron unha duración de 20 horas lectivas, en colaboración co INC e a INAP. A formación ofertada estaba destinada fundamentalmente ao grupo de traballo de Información, Formación e Educación que actúa no seo da Conferencia Sectorial de Consumo (C.O.C.A.).

A este curso asistiron técnicos de formación das distintas organizacións de consumo das de sete comunidades autónomas: Navarra, Madrid, País Vasco, Cataluña, Valencia e Murcia, coa finalidade de afondar no coñecemento e manexo de habilidades de xestión.

Ademais, este programa formativo incluíu un módulo sobre a experiencia da Escola Galega de Consumo no desenvolvemento de obradoiros de consumo a través das TIC, no que foi posible analizar a ferramenta didáctica sobre comercio eléctrónico do IGC, un desenvolvemento deste Instituto que ten sido pioneiro a nivel nacional.

A aplicación sobre comercio electrónico consiste nun simulador de compras en-liña que permite facer exercizos de comercio electrónico a través da compra simulada nunha páxina web de tipo Amazón. Esta ferramenta permite dar de alta unha serie de tendas de distinto tipo (alimentación, viaxes, complementos, etc.) nas que o administrador (monitor) pode introducir diversos produtos, ofertas, promocións, etc.

Estes exercizos están destinados a persoas adultas e, no ámbito escolar, ao alumnado de ciclos formativos (comercio e marketing, comercio exterior, comunicación e publicidade, etc), alumnado de bachalerato e universitario.

Neste sentido, o IGC pode ofertar actividades formativas no eido da compra electrónica: vendas a distancia e garantías, marketing e merchandising; no referente a Lei de Protección de Datos; dereitos dos consumidores; formas de pagamento, e outro tipo de cuestións relacionadas coa tenda configurada como pode ser o etiquetado alimenticio, industrial, publicidade,...

Ademais, a esta primeira ferramenta, e tendo en conta o éxito da iniciativa, engadíuselle neste ano un novo módulo consitente nun simulador de viaxes, tendo en conta que o 33% das compras que se efectúan en-liña, corresponden a adquisición de viaxes.

Este curso de "Calidade na xestión e avaliación dos programas de formación. A formación en consumo a través das TIC" é o terceiro que se convoca para estes destinatarios, sendo a primeira vez que se desenvolve fóra de Madrid, en atención a solicitude dos membros do citado grupo de traballo para coñecer as novas ferramentas da Escola Galega de Consumo no eido do comercio electrónico.

Área temática

Galería de imaxes