Economía e industria promove o achegamento da OPIC de Pontevedra aos cidadáns de toda a provincia

19/Mai/2011
Santiago

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, e en colaboración coa Deputación de Pontevedra promove que, entre os meses de maio e xuño, a Oficina Provincial de Información ó Consumidor (OPIC) do organismo provincial que se puxo en marcha grazas ao traballo do departamento que dirixe Javier Guerra saia á rúa para poñer en marcha unha campaña informativa coa que se pretende dar a coñecer os servizos que presta esta oficina, achegar a administración aos cidadáns e dar información ás persoas consumidoras sobre os seus dereitos.

Esta iniciativa, que arrincou o pasado luns día 9 en Bueu e que percorrerá diferentes vilas da provincia de Pontevedra, ponse en marcha grazas á colaboración que á Deputación de Pontevedra mantén co Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria.

No stand informativo da OPIC, repartirase material informativo referente a asuntos de interese como son: a telefonía móbil, as garantías dos produtos, a arbitraxe de consumo, o bono social, o etiquetaxe dos produtos, e listas da compra para axudar ó aforro nos fogares. Todos os cidadáns que estean interesados poderán achegarse e visitala así como consultar as súas dúbidas ó persoal técnico que estará atendendo ó público.

A Oficina Provincial de Atención ó Consumidor está ubicada no 2º andar do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na Avda. Montero Ríos. Está aberta en horario de mañá de 09:00 a 14:00 de luns a venres e dispón dun correo electrónico a disposición dos consumidores e usuarios da nosa provincia: opconsumo [at] depo.es (opconsumo[at]depo[dot]es)

Área temática

Galería de imaxes