A Escola Galega de Consumo pon en marcha unha nova edición do ciclo ‘educación para o consumo responsable’ a través da rede CEMIT da AMTEGA

01/Out/2016
Santiago de Compostela

O Instituto Galego de Consumo , a través da Escola Galega de Consumo, pon en marcha en outubro a iniciativa “Educación para o consumo responsable CORES”, un ciclo de charlas informativas, que se retransmitirán por videoconferencia en aulas da rede CeMIT, dependente da  Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

 

Son  oito sesións, que comezarán o luns 3 de outubro e se celebrarán os primeiros luns de cada mes ata maio. Cunha duración aproximada de hora e media están orientadas ao público en xeral e abordarán temas de actualidade como a resolución de conflitos de consumo, a linguaxe publicitaria, a etiquetaxe dos alimentos ou o consumo responsable e o comercio xusto

 

Para facilitar a divulgación desta iniciativa e chegar ao maior número de persoas interesadas, estas actividades emitiranse desde a Escola Galega de Consumo a diversas localidades de Galicia que contan con aula da rede CeMIT a través do sistema de videoconferencia, en sesións de mañá ás 11:00 horas. O único requisito para poder asistir a estas charlas gratuítas e abertas ao público en xeral é ser usuario da rede CeMIT e solicitar praza na localidade de interese, a través da web ">http://cemit.xunta.gal

 

 

     Calendario de actividades:

 

3 de outubro

Consumo responsable no supermercado

7 de novembro

Produtos ecolóxicos e de calidade

5 de decembro

Consumo responsable: as marcas

2 de xaneiro

Consumo na rede

6 de febreiro

Telefonía móbil

6 de marzo

Consumo e xénero

3 de abril

Unha viaxe segura

8 de maio

Servizos financeiros

 

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

O Instituto Galego de Consumo 

O Instituto Galego de Consumo  é o organismo autónomo adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria que ten atribuídas as competencias en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Dentro do Instituto, a Escola Galega de Consumo realiza de xeito permanente ao longo de todo ano diversas actividades educativas, formativas e divulgativas en materia de consumo responsable, dirixidas a todos os sectores da poboación.  

 

 

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Área temática

Galería de imaxes