A Escola Galega de Consumo realizou actividades de consumo responsable en 25 concellos galegos nas que participaron un total de 2016 persoas durante os meses de xullo e agosto
A ESCOLA GALEGA DE CONSUMO REALIZOU ACTIVIDADES DE CONSUMO RESPONSABLE EN 25 CONCELLOS GALEGOS NAS QUE PARTICIPARON UN TOTAL DE 2016 PERSOAS DURANTE OS MESES DE XULLO E AGOSTO
Durante os meses de xullo e agosto a Escola Galega de Consumo desprazouse a 25 concellos galegos para realizar distintas actividades relacionadas co consumo responsable durante a época estival dentro do seu programa LecerConsumo, no que se traballan diversas temáticas relativas a publicidade, o comercio xusto a dieta equilibrada ou o consumismo como exceso a evitar.
Este ano o programa LecerConsumo atendeu a un total de 2016 persoas de todas as idades, aínda que os colectivos que máis demandan estas actividades son os rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos, que participan nos campamentos de verán, nos que se desenvolveron a maior parte das actividades.
Unha das actividades máis populares é a xincana “No verán, un lecer responsable está na túa man”, na que rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos teñen que superar diferentes probas sobre distintas cuestións relacionadas co consumo responsable. Cada grupo de rapaces deseña un plan para realizar na súa vila ou cidade, promovendo os espazos naturais da súa contorna e os alimentos locais que contribúan a levar unha dieta saudable ("o planazo"), propoñendo unha xornada de lecer que inclúa alternativas de lecer responsable e dieta equilibrada con produtos locais.
O xogo remata coa gravación dun vídeo polos participantes, que entrará nun concurso a través das redes sociais. Os vídeos estarán expostos no Facebook da Escola Galega de Consumo (https://www.facebook.com/escolagalegaconsumo), para que as persoas seguidoras poidan votar o seu favorito, premendo en “gústame”, dende o 5 de setembro ás 14 horas ata o 12 de setembro ás 14 horas. Resultará gañador o vídeo que consiga máis “gústame”.