A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou nun encontro celebrado no Museo do Moble e da Madeira (MOME) no que se informou das axudas de ata 450 euros anuais coas que se garante a subministración nos fogares máis vulnerables
Na reunión tamén se achegaron consellos sobre como aforrar na factura eléctrica revisando o tipo de contrato e a potencia contratada, e valorando a discriminación horaria
A Estrada (Pontevedra), 21 de Febreiro de 2019.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na Estrada nunha das xornadas incluídas na campaña informativa impulsada pola Xunta para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda complementaria impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pago do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.

Esta iniciativa inclúe encontros en diferentes localidades para asesorar tanto á cidadanía como aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste ámbito. Nestas reunións achégase tamén información sobre como aforrar na factura eléctrica, revisando o tipo de contrato e a potencia contratada, e valorando a discriminación horaria. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.

Tal e como se informou hoxe no encontro, o bono social do Estado supón unha bonificación do 25% ou do 40% no recibo de luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pago da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Este complemento, cunha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas,- permite que os beneficiarios poidan asumir o pago de ata o 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico. Esta axuda compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas comercializadoras de referencia para evitar o corte de subministración entre os consumidores máis vulnerables.

Temática:
SubministrosElectricidade