O delegado territorial da Xunta visita o punto informativo situado na Praza de Abastos de Ourense con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras
Ourense, 15 de Marzo de 2022.-

O delegado territorial da Xunta, Gabriel alén, que visitou hoxe na Praza de Abastos de Ourense un dos puntos informativos habilitados pola Xunta con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, sinalou que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) vai activar esta semana un novo programa de charlas en liña para reforzar a información que se ofrece ás persoas consumidoras. Así, o primeiro dos encontros de Consumo Responde celebrarase este venres 18 de marzo ás 12:30 horas a través da aula virtual do IGCC, e centrarase na factura da luz.

Dentro dos actos cos que a Xunta de Galicia celebra o Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, hoxe activáronse puntos de información en rúas e prazas das sete principais cidades galegas, nos que se convida á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a Administración autonómica pon ao seu dispor no ámbito da información, a formación e o asesoramento, así como na resolución de conflitos. Así, o IGCC conta con oficinas nas sete principais cidades galegas, e co teléfono gratuíto 900 23 11 23. Ademais, a través da web consumo.xunta.gal, as persoas consumidoras poden informarse e tramitar en liña as súas reclamacións.

Durante o ano 2021, a Xunta, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, atendeu na provincia de Ourense 3.104 consultas de persoas consumidoras, fronte ás 2.248 do ano 2020, (o que supón un incremento do + 28%). No caso das reclamacións, o ano pasado incrementáronse nun +13%, alcanzando as 2.206, fronte ás 1.952 do ano anterior.

Temática:
Outros