Santiago, 6 de Xuño de 2012.-

O conselleiro de Economia e Industria, Javier Guerra defendeu hoxe en Bruxelas a vía da arbitraxe como "unha solución vantaxosa en tempo e custes e co mesmo valor que unha sentenza xudicial" e como a mellor alternativa para os consumidores afectados pola venda das participacións preferentes. Ao fin do encontro mantido coa Directora de Mercados e Servizos Financeiros da Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea, Irmfried Schwimann, o conselleiro salientou que a Comisión Europea se comprometeu a estudar a proposta do Goberno galego en profundidade e dar unha resposta no menor tempo posible.

O conselleiro explicou en detalle a alternativa da Xunta de Galicia ante a Comisión e salientou que é a fórmula "máis áxil" para que os consumidores "que na compra do produto se viron enganados ou non obtiveron suficiente información poidan recuperar o seus cartos", xa que pode quedar resolta no prazo de catro meses -fronte á vía xudicial que se resolvería nun prazo de ata 5 ou 6 anos- pero necesita do visto bo da Unión Europea ao ser NGB unha entidade na que intervén o FROB.

O responsable de Economía e Industria informou que ata a data un total de 928 afectados polas preferentes solicitaron de forma individualizada esta vía gratuíta ante o Instituto Galego de Consumo, tras ser informados sobre as distintas vías de reclamacións existentes.

Guerra trasladoulle tamén á responsable en Bruxelas que a Xunta de Galicia está a traballar en todos os ámbitos da súa competencia para solucionar o problema, salientando que a vía da arbitraxe "é a solución que o Goberno galego ten na súa man" para defender aos consumidores, pero estase a traballar en paralelo no análise da comercialización deste produto financeiro tanto en colaboración coa Fiscalía, á que trasladou desde o mes de febreiro 842 reclamacións, como a través da presentación de reclamacións ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), ao tempo que se estuda a existencia de cláusulas abusivas.

O Goberno galego, mediante o Instituto Galego de Consumo, continúa en constante contacto coas asociacións de consumidores e plataformas e traballa desde o primeiro momento ofrecendo información e asesoramento aos afectados, ao tempo que se tramitan as reclamacións.

Temática:
Outros