José Luís Gallego imparte en Santiago de Compostela unha charla divulgativa sobre consumo responsable e reciclaxe
Invitado polo Instituto Galego de Consumo e da Competencia, o célebre naturalista e comunicador ambiental José Luís Gallego impartirá ás 12:00 horas do próximo luns, 30 de xaneiro, no Salón de Graos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (Área Central), en Santiago de Compostela, unha charla divulgativa que, baixo o título “Os residuos non son lixo, por que é importante reciclar”, dirixirá a todo tipo de público coa fin de fomentar as boas prácticas no consumo responsable.
Gallego proporcionará as claves que deben rexer unha compra responsable, racional, sensata e coherente desde a dimensión ambiental e económica, que teña por obxecto producir menos lixo, á vez que insistirá na necesidade de poñer en práctica o principio dos tres erres como cimento fundamental de todo sistema de xestión de residuos: reducir a produción dos mesmos; reutilizar ao máximo os produtos para alongar a súa vida útil; e separalos por tipoloxías unha vez convertidos en refugallos, depositando cada fracción no contedor correspondente.
Facer unha lista da compra, incorporando á mesma o realmente necesario, diferenciar claramente data de caducidade de consumo preferente, levar a nosa propia bolsa ao supermercado, priorizar a adquisición de artigos a granel, rexeitar os sobreembalados e optar por aqueles que se comercializan en envases reutilizables, constitúen, entre outros, algúns xestos que poden axudar en gran medida a diminuír a xeración de lixo, tendo en conta de que o mellor residuo é o que non se produce.
A xornada constitúe unha excelente oportunidade para enriquecer os programas de educación ambiental instaurados nos centros escolares que teñen apostado de forma decidida por contribuír á protección do contorno e á mellora do benestar e calidade de vida das actuais e xeracións futuras.
Un recoñecido divulgador
Considerado como unha das dez personalidades máis influíntes de España en temas de medio ambiente polo diario La Vanguardia, José Luís Gallego foi distinguido en numerosas ocasións con diversos recoñecementos e premios.
Activo colaborador dos principais medios de comunicación, o seu labor céntrase en promover a participación dos cidadáns no coidado e mellora do medio ambiente. Ten publicado máis de 20 libros de divulgación ambiental coas principais editoriais a nivel nacional, e é director, presentador e guionista de documentais e series de natureza e medio ambiente. A súa presenza en radio tamén é destacable.
A día de hoxe tamén desempeña unha gran actividade como blogger en diversos medios dixitais e páxinas web, podendo ler cada semana as súas reflexións persoais sobre a situación do medio ambiente no blog Ecogallego.