Sinala que, o pasado ano, o IGCC atendeu 37.730 consultas, tramitou 22.813 reclamacións e abriu 1.425 expedientes sancionadores por importe de 11,6M€
Lembra que a cidadanía ten á súa disposición as oficinas de Consumo da Xunta de Galicia, o teléfono gratuíto 900 231 123, a páxina web do propio IGCC ou a aula virtual “Consumo Responde”
Santiago de Compostela, 15 de Marzo de 2024.-

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destacou  hoxe, coincidindo coa celebración do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, o labor de asesoramento e protección que realiza o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC).

Lorenzana interveu está mañá nunha xornada organizada nas instalacións deste organismo, dependente da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, na que participaron alumnos e alumnas do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela e, telematicamente, doutros centros de Galicia. “O obxectivo é explicarlles a importancia que ten o consumidor dentro de todo o proceso produtivo e de venda, e que coñezan os dereitos que teñen eles como persoas consumidoras e usuarias”, explicou a conselleira.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) pon á disposición da cidadanía as oficinas de Consumo da Xunta de Galicia, o teléfono gratuíto 900 231 123, a páxina web do propio IGCC ou a aula virtual “Consumo Responde” que organiza cada venres para atender consultas da cidadanía. Ao respecto, tamén cabe destacar o labor que fai a Escola Galega de Consumo, con máis de 476 actividades o ano pasado con todo tipo de entidades e colectivos.

Lorenzana puxo en valor a actividade que o pasado ano realizou o IGCC, que atendeu 37.730 consultas. Delas, as que máis aumentaron foron as referidas ao sector da alimentación (29%) ou os transportes (20%). O 60% deron lugar a unha reclamación, en total, 22.813; basicamente, relacionadas coa factura da luz, pero tamén rexistraron un incremento significativo as referidas a alimentación (2,36%) e as relativas ao sector téxtil, o comercio electrónico e o turismo e ocio. En total, abríronse 1.425 expedientes sancionadores por importe de 11,6M€.

“Isto fai ver que o instituto funciona, que as persoas recorren a el”, dixo, para engadir que “é moi importante para todos os cidadáns que aprendan desde pequenos a coñecer eses dereitos, e tamén as persoas vulnerables, que saiban que a Xunta conta con este instituto para protexelas, para informalas e tamén para asistilas nesas reclamacións”.

Con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, o IGCC vén realizando actividades formativas en diferentes centros educativos de Galicia. Ademais, tamén se van instalar puntos informativos e se repartirá material promocional nas sete cidades galegas.

Temática:
Outros