A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou na Coruña este centro cuxo labor sitúa a Galicia como líder no control de produtos de consumo
Nas datas previas ao Nadal, ademais de analizar produtos destinados aos máis pequenos tamén se controlaron artigos como grilandas eléctricas
A Coruña, 27 de Decembro de 2023.-

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o Laboratorio de Consumo de Galicia, destacando que este departamento da Administración autonómica “é un referente a nivel nacional e internacional”, así como “un instrumento moi importante para garantir aos consumidores a seguridade e a fiabilidade dos produtos”.

O traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia sitúa á comunidade como líder no control de produtos de consumo. Así, neste 2023 este centro, que é o único laboratorio oficial público de Consumo en toda España que conta coa acreditación ENAC, analizáronse arredor de 600 mostras, detectándose 91 artigos inseguros que foron comunicados á Rede de alerta nacional de produtos de consumo non alimenticios e polo tanto retirados da venda, contribuíndo así a un mercado máis seguro.

Dentro dos produtos alertados este ano por Galicia, destacan os punteiros láser, cun total de 19. Os xoguetes (con 18 alertas) seguen a estar entre os produtos máis notificados á Rede nacional, xa que o Laboratorio pon en marcha cada ano campañas específicas centradas nestes artigos destinados aos consumidores máis vulnerables, en coordinación coa inspección de Consumo.

Precisamente, a campaña de Nadal centrouse en analizar produtos como xoguetes para menores de tres anos, xoguetes con proxectís e grilandas, entre outros. Complementariamente, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega de Consumo, está desenvolvendo o programa Infonadal, coa participación de máis de 1.400 persoas a través de preto dun cento de actividades, co obxectivo de concienciar sobre a importancia da seguridade dos produtos. Os destinatarios tiveron a oportunidade de coñecer a normativa en materia de etiquetaxe, a importancia da inclusión das instrucións e o idioma no que deben figurar.

Temática:
Outros