A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou en Santiago o CEIP Lamas de Abade, un dos centros nos que se desenvolven actividades centradas na seguridade de produtos como disfraces, máscaras e perrucas
Os estudantes xogan a ser inspectores de Consumo, coñecendo os principais parámetros que deben cumprir este tipo de artigos
Nas últimas semanas o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) intensificou as inspeccións nos establecementos e os controis para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa
Santiago de Compostela, 28 de Febreiro de 2019.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o CEIP Lamas de Abade, un dos centros educativos nos que se están a desenvolver as actividades impulsadas polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia para promover un entroido seguro e sen riscos. A iniciativa, na que participan máis de 500 escolares de toda Galicia, céntrase en produtos como disfraces, máscaras, perrucas, pinturas faciais ou todo tipo de artigos de broma, ofrecendo pautas e consellos para unha compra e un uso axeitado e seguro desta clase de artigos.

Estas actividades da Escola Galega do Consumo están dirixidas a estudantes de entre 8 a 17 anos, que despois de asistir a unha pequena charla na que se explican os principais riscos que se atopan nesta clase de produtos, tales como inflamabilidade, risco de asfixia polo desprendemento de pezas pequenas ou afogamento polo reducido tamaño dos cordóns, realizan por grupos o traballo de inspector de Consumo e analizan cada produto, indicando o motivo polo que debería ser retirado do mercado.

Campaña de control

Ademais de promover esta iniciativa no ámbito da formación, nas últimas semanas o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) intensificou as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa presta especial atención aos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable.

Sempre que se detecta que algún destes produtos presenta riscos procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Recomendacións

Desde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia lémbrase que os disfraces para menores de 14 anos teñen a consideración de xoguetes a efectos de consumo, e recomendan ler detidamente as instrucións de uso e advertencias de risco na etiquetaxe. Entre outros aspectos, débese comprobar que os artigos dispoñen do marcado CE e se teñen a recomendación de idade. Cómpre ter coidado coas pezas pequenas fáciles de tragar, e co tamaño dos cordóns, polo risco de asfixia, así como cos orificios de ventilación das máscaras e cos materiais inflamables ou cortantes. Ademais, con respecto á maquillaxe, é preciso revisar os ingredientes e a data de caducidade.

Temática:
Outros