Asociacións de Ribadavia e Ponteareas percorrerán a lonxa e coñecerán os controis sanitarios que pasa o peixe dende que se captura ata que chega á mesa
Con este proxecto da Consellería do Mar pretende potenciar o consumo dos produtos do mar frescos entre as persoas do interior de Galicia
Santiago, 26 de Outubro de 2009.-

O proxecto piloto "Mar Achega", promovido pola Consellería do Mar en colaboración co Instituto Galego de Consumo, chega mañá a Vigo coa visita de asociacións de Ribadavia e Ponteareas. O obxectivo desta iniciativa é difundir o sistema extractivo dos produtos mariños e potenciar o seu consumo entre a poboación do interior de Galicia.

O itinerario comezará coa visita destas asociacións á lonxa de baixura, altura e grandes peixes para, a continuación, percorrer a lonxa e os almacéns de envasado e evisceración onde coñecerán os controis sanitarios que pasa a pesca dende que se captura ata que chega á mesa. O obxectivo é que os asistentes aprendan como se pescan, se tratan, se transforman ou se enlatan os produtos do mar. O roteiro continuará en barco, para facer un percorrido polas instalacións portuarias. Por último, os membros das asociacións desprazaranse ata ó centro de convencións da A Laxe para participar nunha degustación de produtos da pesca artesanal.

O programa contempla 10 visitas a 7 portos de todo o litoral galego, nas que participarán 50 persoas en cada unha. En total, beneficiaranse do programa "Mar achega" 500 persoas pertencentes a asociacións de consumidores do interior de Galicia. As actividades programadas variarán en función da localidade na que se desenvolvan, pero sempre inclúen a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos á par que se difunde o patrimonio marítimo pesqueiro da zona de destino.

Temática:
Outros