Trátase dunha iniciativa da Consellería do Mar para difundir o sistema extractivo dos produtos mariños e potenciar o seu consumo

"MAR ACHEGA" continuará difundindo o sistema extractivo dos produtos pesqueiros en Lira e o Grove

03/Nov/2009
Santiago

O proxecto piloto Mar Achega continúa mañá en Lira (Carnota) coa visita da Asociación de Consumidores Usuarios en Marcha de Lugo. Este colectivo coñecerá a zona de marisqueo, a nave de escachado de ourizo e tamén asistirán á poxa na lonxa de Lira. O obxectivo desta iniciativa é a valorización dos produtos do mar e a potenciación do seu consumo.

 

O itinerario comezará coa visita á zona de marisqueo e posteriormente os membros da asociación desprazaranse ata a lonxa para participar nunha degustación de produtos da pesca artesanal. Continuarán o roteiro no porto, onde asistirán á poxa na lonxa de Lira para coñecer o proceso de venda de peixe.

 

A seguinte visita de Mar Achega será o xoves 5 de novembro ao Grove. Participarán as Asociacións Montealegre de Ourense, Acur de Ribadavia e Airiños de Terra de Verín. Alí os visitantes coñecerán as zonas de marisqueo e o peirao do Grove, lugar no que recibirán unha explicación sobre embarcacións e artes de pesca. Logo dun xantar baseado en produtos da pesca artesanal, os visitantes participarán na poxa da lonxa, verán o traballo que realizan as redeiras e coñecerán unha depuradora. Por último os visitantes acudirán á peixería Baixura Galega pertencente á Confraría de Pescadores San Martiño do Grove.

 

O programa, organizado pola Consellería do Mar en colaboración co Instituto Galego de Consumo, contempla un total de 10 visitas a 7 portos da comunidade nas que están a participar 50 persoas en cada unha. En total, beneficiaranse do programa Mar achega 500 persoas pertencentes a asociacións de consumidores do interior de Galicia. As actividades programadas variarán en función da localidade na que se desenvolvan, pero sempre inclúen a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos á par que se difunde o patrimonio marítimo pesqueiro da zona de destino.

Área temática

Galería de imaxes