Trátase dunha iniciativa da Consellería do Mar para difundir o sistema extractivo dos produtos mariños e potenciar o seu consumo

"MAR ACHEGA" segue promocionando os productos pesqueiros cunha visita a Fisterra

09/Nov/2009
Santiago

O proxecto piloto "Mar Achega" continúa mañá en Fisterra coa visita da "Asociación de Maiores de Ponteareas" e da "Asociación de Mulleres Rurais do Tea". O obxectivo desta iniciativa promovida pola Consellería do Mar é a valorización dos produtos mariños e a potenciación do seu consumo sobre todo entre a poboación do interior de Galicia.

Estes colectivos comezarán o percorrido pola vila mariñeira cunha visita guiada ao Castelo de San Carlos. Despois de coñecer este monumento fisterrán, os membros das asociacións realizarán un percorrido polo porto e de seguido participarán nun xantar-degustación de produtos procedentes da pesca artesanal. O roteiro continuará na lonxa de Fisterra, alí os visitantes asistirán a unha poxa e observarán o proceso de venda do peixe.

O proxecto "Mar Achega" xa visitou lugares como Poio, Lira, O Grove, Vigo, Cariño e Cambados. O programa, organizado pola Consellería do Mar en colaboración co Instituto Galego de Consumo, contempla un total de 10 visitas a 7 portos da comunidade nas que están a participar 50 persoas en cada unha. En total, beneficiaranse do programa "Mar achega" 500 persoas pertencentes a asociacións de consumidores do interior de Galicia. As actividades programadas variarán en función da localidade na que se desenvolvan, pero sempre inclúen a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos á par que se difunde o patrimonio marítimo pesqueiro da zona de destino.

Área temática

Galería de imaxes