O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá un encontro no que se informará do novo simulador eléctrico que permite aos usuarios obter información sobre os diferentes elementos da factura eléctrica.
Os asistentes á xornada, que se desenvolverá a partir das 11 horas, poderán resolver as súas dúbidas ao respecto e coñecer diferentes medidas para reducir o consumo enerxético.
Santiago, 19 de Maio de 2014.-

O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá martes, 20 de maio, unha xornada informativa en Ribadeo para achegar aos consumidores e usuarios o programa Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis compresible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

No encontro, que se celebrará a partir das 11 da mañá no Centro Sociocomunitario de Benestar de Ribadeo, na rúa Ibáñez, presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación dispoñible na web igc.xunta.es que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta, dispoñible na web igc.xunta.es, desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

Temática:
SubministrosElectricidade