O IGC celebra a semana próxima o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras con actividades informativas e de divulgación para todos os públicos

15/Mar/2016
Santiago de Compostela

O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, celebra a semana que vén o Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras con diferentes actividades informativas e de divulgación para todos os públicos.

Así, o martes 15 ás 18 horas celebrarase na sede de Afundación en Santiago (rúa do Vilar, 19) unha xornada informativa aberta o público centrada nos alimentos funcionais, que se caracterizan por estar enriquecidos con algún nutrinte ou compoñente ou por ter eliminado ou diminuído algún compoñente. A profesora da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela Amil López explicará a orixe destes alimentos e analizará as súas potenciais funcionalidades e os requerimentos que debe cumprir a súa etiquetaxe.

Ao día seguinte, tamén ás 18 horas na sede compostelá de Afundación, será o profesor da Facultade de Psicoloxía da USC Antonio Rial Boubeta quen analizará a relación entre os menores consumidores e as novas tecnoloxías.

Por outra banda, o martes día 15 celebraranse dúas charlas informativas sobre consumo responsable dirixidas aos centros educativos de Galicia, que se emitirán a través de videoconferencia en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). 

Ademais, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vénse de poñer en marcha un concurso de carteis do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, dirixido a estudantes de primaria, ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas especiais. Establécense un total de 6 niveis de participación, en cada un dos cales se concederá un primeiro premio consistente nunha tableta dixital.

Para rematar, o vindeiro 18 de marzo está prevista a entrega en Santiago da primeira edición dos Premios Consumo Responsable, co obxectivo de poñer en valor o traballo que os distintos axentes sociais e as asociacións teñen na protección, promoción e divulgación dos dereitos das persoas consumidoras en Galicia.

O 15 de marzo celébrase cada ano o Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, unha conmemoración que foi instaurado en 1983 pola Asemblea da ONU para concienciar sobre os dereitos que asisten a todas as persoas como usuarios e consumidores. 

Esta celebración lembra o discurso que o presidente estadounidense John F. Kennedy pronunciou o 15 de marzo de 1962 ante o Congreso do seu país, no que esbozaba o núcleo dos dereitos que, ao seu entender, correspondían a toda persoa consumidora.

Área temática

Galería de imaxes