A iniciativa botou a andar esta semana en Budapest cun encontro con participación de representantes de entidades de oito países diferentes
A Escola achegará a súa experiencia na formación do voluntariado para aproximar o uso do comercio electrónico ás persoas maiores e con discapacidade a través do simulador de compras
Santiago, 16 de Novembro de 2012.-

A Escola Galega de Consumo do IGC participa no proxecto europeo SERVE, que ten por obxectivo fomentar as boas prácticas no voluntariado no ámbito da formación e que botou a andar esta semana cun encontro en Budapest no que participaron organizacións de oito países europeos.

A entidade dependente de Economía e Industria centra a súa achega ao proxecto na súa experiencia ofrecendo formación específica a voluntarios no eido do comercio electrónico para que poidan prestar o seu apoio nesta materia aos colectivos de persoas maiores e discapacitados.

Para a formación neste eido, a Escola conta co simulador de compras na rede, unha ferramenta que pon a disposición do usuario unha tenda virtual e que permite traballar distintos aspectos como o pagamento por internet e outros relacionados cos dereitos dos consumidores, entre os que se atopan o etiquetado dos produtos, as venda sa distancia, a publicidade, a protección de datos e a realización de reclamacións. Este simulador, único en toda España, foi deseñado polo persoal da Escola galega de Consumo, e xa ten sido demandado por moitas Comunidades Autónomas e entidades.

O proxecto europeo SERVE, que se desenvolverá durante dous anos, ten como finalidade realizar unha guía de formación, xestión e boas prácticas de voluntariado, así como a posta en marcha dunha páxina web do proxecto. A publicación consistirá nunha colección de estudos de casos e información sobre os métodos creativos de creación ou desenvolvemento de servizos voluntarios por socios do proxecto, centrándose nos aspectos prácticos de xestión de voluntarios. Ademais da Escola Galega de Consumo, participan entidades de Hungría, Eslovaquia, Irlanda, Noruega, Polonia, República Checa e Turquía.

Temática:
Outros