O Instituto Galego de Consumo a través da Escola Galega de Consumo desenvolve o programa permanente AKAL sobre formación básica en consumo responsable

O IGC a través da EGC desenvolve o programa AKAL sobre formación básica en consumo responsable

30/Abr/2013
Santiago

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, achega a colectivos de consumidores e centros educativos a formación en distintos ámbitos do consumo responsable a través do programa Akal como oferta permanente de formación da Escola Galega de Consumo. O obxectivo desta iniciativa é formar ás persoas nun consumo responsable e crítico, e dar a coñecer os dereitos dos consumidores e usuarios, así como os servizos que presta o IGC para a resolución dos conflitos de consumo.

A través desta iniciativa ofértanse diferentes obradoiros e actividades de carácter eminentemente práctico a través dunha metodoloxía dinámica, lúdica e participativa. Con carácter xeral, propóñense actividades centradas no consumo responsable, o comercio xusto, a linguaxe publicitaria, o etiquetado ou a resolución de conflitos. Ademais, fanse recomendacións específicas de temáticas e actividades en función da idade dos destinatarios, atendendo ás necesidades concretas de cada etapa.

Os colectivos interesados poden consultar a oferta completa de actividades do programa AKAL na web do Instituto Galego de Consumo, a través da cal tamén poden tramitar as súas solicitudes.

Ao longo deste mes, recibiron formación un total de 155 alumnos e alumnas de distintos colectivos acompañados por 17 docentes.

Dentro destes destinatarios do programa AKAL, 106 corresponden a alumnado de centros escolares e as outras 49 persoas corresponden a distintos colectivos de asociacións de consumidores e centros socioculturais.

Destes 17 obradoiros realizados ao abeiro de AKAL no mes de marzo, 9 realizáronse nos locais da EGC en Santiago de Compostela e 8 en distintas localidades.

Os centros escolares participantes neste programa foron: CPI de Zas (A Coruña) con 33 alumnos e alumnas de 1º e 4º da ESO; IES Leliadoura (Riveira) no que participaron 22 alumnos do ciclo superior de administración e finanzas; CEE Príncipe Felipe (Pontevedra) con alumnado de necesidades educativas especiais; CEIP Valle Inclán (Vigo) con alumnado de 3º curso de educación primaria.

Tamén participaron colectivos de persoas maiores que demandaron obradoiros de consumo responsable, alimentos funcionais e compras en internet.

Estes colectivos foron: ADICAE (Santiago de Compostela); centro social do ensanche (Santiago de Compostela) e Federación de consumidores FUCIGA en Sanxenxo e Dorrón (Pontevedra).

Área temática

Galería de imaxes