A través do programa AKAL da Escola Galega de Consumo ofrécense obradoiros prácticos sobre comercio xusto, linguaxe publicitaria ou etiquetado
As temáticas e actividades adáptanse en función da idade dos destinatarios
A Escola organizou en 2012 preto de 450 actividades nas que participaron máis de 10.200 persoas
Santiago, 15 de Abril de 2013.-

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, achega a colectivos e centros educativos as claves do consumo responsable a través do programa Akal, como oferta permanente de formación da Escola Galega de Consumo.

O obxectivo desta iniciativa é formar ás persoas nun consumo responsable e crítico, e dar a coñecer os dereitos dos consumidores e usuarios, así como os servizos que presta o IGC para a resolución dos conflitos de consumo.

A través desta iniciativa ofértanse diferentes obradoiros e actividades de carácter eminentemente práctico a través dunha metodoloxía dinámica, lúdica e participativa. Con carácter xeral, propóñense actividades centradas no consumo responsable, o comercio xusto, a linguaxe publicitaria, o etiquetado ou a resolución de conflitos. Ademais, fanse recomendacións específicas de temáticas e actividades en función da idade dos destinatarios, atendendo ás necesidades concretas de cada etapa.

Os colectivos interesados poden consultar a oferta completa de actividades do programa AKAL na web do Instituto Galego de Consumo, a través da cal tamén poden tramitar as súas solicitudes.

A información e a formación dos consumidores é un dos eixos do traballo do Instituto Galego de Consumo en defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios. No 2012, a Escola Galega de Consumo organizou preto de 450 actividades nas que se formaron máis de 10.200 persoas. Ademais do programa de formación permanente Akal, a Escola pon en marcha iniciativas como a fase autonómica do certame escolar Consumópolis, ou o programa Galicons, dirixidos a centros escolares en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ademais de distintas iniciativas de un amplo plan de formación con distintos programas de formación específicos para educadores e técnicos de consumo.

Temática:
Outros