O Instituto Galego de Consumo e Cogami promoven a formación en consumo responsable entre o colectivo da discapacidade

27/Mai/2013
Santiago
O IGC e Cogami promoven a formación en consumo responsable entre o colectivo da discapacidade

A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga, asinaron hoxe un acordo de colaboración para a posta en marcha de diferentes actividades informativas e formativas dirixidas ao colectivo da discapacidade.

Así, a Consellería de Economía e Industria, a través da Escola Galega de Consumo, desenvolverá distintos programas en materia de consumo responsable coa finalidade de facilitar a formación en distintos aspectos a este colectivo co obxecto de mellorar a súa protección como consumidores e calidade de vida.

Entre as actuacións a desenvolver, inclúense a formación dirixida ao persoal formador, co obxectivo de difundir as prácticas de consumo responsable entre os distintos colectivos de atención de COGAMI. Así mesmo, realizaranse obradoiros e actividades formativas e informativas para o colectivo de consumidores vulnerables e as súas familias, e a Escola cederá as súas instalacións para a realización de outras actividades de formación no eido do consumo.

A iniciativa enmárcase no proxecto educativo que está a desenvolver a Escola Galega de Consumo, que dentro da súa programación formativa ten establecido a colaboración con distintas entidades e asociacións para a realización de actividades orientadas á formación das persoas consumidoras, especialmente ás que presentan unha maior vulnerabilidade no tocante á súa protección diante das ofertas e a dinámica do mercado.

A formación e a información son eixos estratéxicos da actuación da Xunta de Galicia na protección e defensa dos dereitos dos consumidores. Así, a través da Escola Galega de Consumo, proporcionouse formación directa a máis de 12.000 persoas en 2012 a través dos distintos programas postos en marcha ao longo do ano.

Área temática

Galería de imaxes