O Instituto Galego de Consumo impulsa en colaboración coa cruz vermella en Galicia, o programa "Integración en tempo de crise" dirixido a persoas en situación de vulnerabilidade social
O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, asina hoxe coa Cruz Vermella un convenio de colaboración para desenvolver o programa: "Integración en tempo de crise" que pretende axudar a familias cuxa situación de vulnerabilidade social estase a ver agravada pola crise actual.
O obxectivo é desenvolver actividades conxuntas que contribúan á protección en materia de consumo e mellora da calidade de vida deste colectivo, que lles permita xestionar a súa economía doméstica co maior aproveitamento posible.
Os destinatarios directos serán aquelas persoas que sexan beneficiarias de proxectos e axudas da Cruz Vermella e pertenzan a colectivos como: inmigrantes, minorías étnicas, persoas sen teito, mulleres víctimas de violencia, persoas rehabilitadas de adiccións, maiores con pensións reducidas....
O proxecto terá dúas fases; na primeira a Escola Galega de Consumo (EGC) formará ao persoal voluntario e mediador seleccionado pola Cruz Vermella para que poda desenvolver as actividades directas cos destinatarios. Esta formación realizarase en dúas xornadas nos meses de xullo e setembro cunha duración total de 24 horas lectivas.
A EGC aportará nestas xornadas as súas instalacións, o persoal técnico docente e os materiais e recursos necesarios, así como a elaboración das unidades didácticas correspondentes no eido do consumo responsable.
Este voluntariado á súa vez, dinamizarán 42 obradoiros de 8 horas de duración nas distintas asembleas comarcais e locais da Cruz Vermella en Galicia, beneficiándose un mínimo de 420 persoas que participarán directamente nas actividades e as súas familias de xeito indirecto. Para que poda poñer en práctica o aprendido, cada participante recibirá un vale de 60 euros para realizar unha compra coas características definidas.
A EGC participará nestes obradoiros, desenvolvendo as monitoras da escola catro deles, un en cada provincia.
As actividades formativas que se desenvolverán dentro do programa, tratarán aspectos de alimentación como a pirámide alimenticia, etiquetado dos alimentos, envasados e técnicas de conservación e confección de menús equilibrados de baixo custe. Tamén tratarán o relacionado coa publicidade e o consumo responsable, organización do tempo e elaboración de presupostos familiares, así como a resolución dos conflictos de consumo.