O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na actividade Consumo Responde, na que se conectou cos nenos e nenas que asisten a un dos campamentos de verán de LecerConsumo
Abríronse 807 expedientes sancionadores, o que supón un incremento do 59%
Santiago de Compostela, 16 de Xullo de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta semana na actividade Consumo Responde acompañado por persoal e bolseiros do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). Nesta visita realizaron unha conexión cos nenos e nenas de Ordes que participan nun dos campamentos de verán de Lecer Consumo, co obxectivo de realizar unha actividade na que puidesen coñecer a importancia de mercar xoguetes seguros e de calidade e os perigos aos que se poden enfrontar nas redes sociais.

 

Conde destacou o traballo por formar persoas consumidoras responsables, conscientes, críticas e solidarias, ao mesmo tempo que agradeceu ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia o traballo que está a realizar. “Intentamos garantir que os consumidores estean informados para defender os seus dereitos e intereses”, explicou.

 

Así, no primeiro semestre do ano, o IGCC atendeu un total de 22.756 consultas, unha media de 125 ao día, o que supón un incremento do 11% con respecto ao mesmo período de 2021; ademais, atendéronse 10.274 reclamacións, un 9% máis. As reclamacións eléctricas rexistraron unha suba significativa, en concreto, dun 274% e centráronse en aspectos como a ausencia de facturación, as estimacións nas facturas ou os cambios de compañía.

 

En canto aos expedientes sancionadores, abríronse 807, o que supón un incremento do 59%, acadando un importe de 8,9 millóns de euros, catro veces máis que nos primeiros seis meses de 2021. A electricidade e a enerxía foron os que que acapararon un maior número de expedientes, seguidos das manufacturas, a saúde e a estética.

Temática:
Outros