O instituto ourensán O Couto gaña por segundo ano consecutivo a categoría de 1º e 2º da eso do concurso nacional Consumópolis
A Xunta felicita ao IES O Couto, de Ourense, tras acadar por segundo ano consecutivo o premio ao mellor traballo na categoría de 1º e 2º curso de ESO na fase nacional do certame escolar Consumópolis, un concurso de consumo responsable no que en Galicia participaron nesta undécima edición preto de 900 estudantes de primaria e secundaria.
Os cinco alumnos integrantes do equipo Los Softwares do IES O Couto (Alicia Antas Redondo, Guillermo Bello Armada, Carmen Tain Rodríguez, Carmen González Fernández e Raquel Feijoo Díaz) presentáronse ao certame co vídeo titulado Consumir non significa gastar: pode ser un modo de conservar, unha proposta dirixida pola docente Francisca Vega Mondelo, que xa coordinou a outros equipos gañadores en anteriores edicións.
Galicia é unha das comunidades autónomas que máis anos leva participando neste concurso escolar, deseñado pola Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (AECOSAN) e que, no caso de Galicia, conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Este ano o concurso celebrouse baixo o lema Ti consomes: Fano igual en todas as partes? Nesta edición o alumnado elaborou un vídeo no que se comparan dúas maneiras distintas de consumir. Nos vídeos o alumnado de educación primaria comparou aspectos relacionados coa alimentación (produtos alimenticios, dieta...) ou co lecer; mentres que o alumnado de secundaria realizou comparacións entre o lecer ou a compra de produtos e servizos.
A nivel nacional, no presente curso escolar a participación foi de máis de 7.500 alumnos e alumnas, sendo Galicia a segunda comunidade autónoma con maior número de participantes, só por detrás de Andalucía. Ademais, distintos centros escolares galegos foron gañadores en catro ocasións da fase nacional ao longo destes 11 anos.
A través da participación neste concurso a alumnado descubriu que non se consome igual en todas as partes do mundo e que unha das principais diferenzas está na alimentación. Desde xeito, promóvese que os rapaces e rapazas aprendan a consumir responsablemente, dunha forma lúdica e amena, utilizando ferramentas dinámicas e motivadoras.