O organismo, que ten a súa sede na Coruña, conseguiu unha escarapela de bronce no 8º Congreso de ensaios de intercomparación de Eurachem
O Laboratorio presentou a súa experiencia de máis de 10 anos neste tipo de exercicios, que garanten que os resultados que proporciona son exactos
Nesta actividade que promove o Laboratorio levan participado ata 34 laboratorios de 13 países, e este ano incorpóranse centros de Canadá, Italia, Marrocos, Serbia e Reino Unido
O Laboratorio realizou no 2013 un total de 7.500 ensaios en máis de 600 produtos de consumo, e comunicáronse á rede de alerta nacional un total de 107 produtos
A Coruña, 14 de Outubro de 2014.-

O Laboratorio de Consumo de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de recibir recoñecemento internacional ao seu labor no 8º Congreso de Ensaios de Intercomparación celebrado en Berlín, no que obtivo unha escarapela de bronce.

No foro internacional organizado por Eurachem, rede de organizacións europeas cuxo obxectivo é establecer un sistema de trazabilidade internacional das medicións químicas e a promoción das boas prácticas de calidade, o Laboratorio de Consumo de Galicia foi convidado a expoñer a súa experiencia de máis de 10 anos na promoción de exercicios de intercomparación a nivel internacional centrados na análise de produtos téxtiles.

O recoñecemento obtido consolida o Laboratorio como un referente e permite tamén avanzar na internacionalización dos servizos técnicos que ofrece este organismo, o único laboratorio oficial dependente dunha autoridade de consumo acreditado. O traballo deste centro en coordinación coa Inspección de Consumo sitúa a Galicia ano tras ano como unha das Comunidades Autónomas que máis produtos inseguros detecta e comunica á rede de alerta nacional. No pasado ano 2013, realizáronse no Laboratorio de Consumo de Galicia un total de 7.500 ensaios en máis de 600 produtos de consumo analizados, e comunicáronse á rede de alerta nacional un total de 107 produtos.

Os exercicios de intercomparación son unha ferramenta fundamental para demostrar a competencia técnica dos laboratorios mediante a análise dos resultados obtidos en medicións ou ensaios en diferentes laboratorios sobre unha mesma mostra en condicións predeterminadas. Desde o 2001 o Laboratorio situado na Grela vén realizando un exercicio neste eido no que participaron ata 34 laboratorios de 13 países, e ao que este ano se suman laboratorios de Canadá, Italia, Marrocos, Serbia e Reino Unido.

O exercicio de intercomparación que promove o Laboratorio de Consumo de Galicia reforza aínda máis a tarefa técnica que realiza o Instituto Galego de Consumo ao servizo dos consumidores galegos e coloca a Galicia como pioneira en materia de calidade de laboratorios de consumo, asegurando que os resultados que proporciona o Laboratorio son exactos.

O Laboratorio de Consumo de Galicia, que ademais de téxtil conta con áreas centradas en produtos mecánicos, eléctricos e químicos, é un dos departamentos técnicos con maior proxección dentro do panorama do control da calidade e seguridade dos produtos de consumo e sitúase como un referente á hora de avaliar a calidade e a seguridade dos produtos industriais.

Temática:
Outros