O Laboratorio de Consumo de Galicia está inmerso en tres campañas de control de mercado relativas a máscaras hixiénicas, máscaras cirúrxicas e máscaras EPI
Santiago de Compostela, 2 de Outubro de 2020.-

Desde o pasado mes de marzo ata o día de hoxe, o Laboratorio de Consumo de Galicia, órgano técnico do Instituto Galego de Consumo e da Competencia da Xunta de Galicia, está a dedicar gran parte do seu persoal ao estudo de máscaras dispostas no mercado e que poden ser adquiridas polas persoas consumidoras a través de plataformas online.

Durante o confinamento proxectáronse as distintas campañas deseñando os documentos de control para o persoal de inspección, campañas que se comezaron a realizar durante o Estado de Alarma e baixo confinamento. Posteriormente continuouse o labor desde o Laboratorio de Consumo ata o día de hoxe, traballo que continúa desenvolvéndose.

Tamén o persoal do Laboratorio participa a través de reunións en remoto, desde marzo, nun grupo interdisciplinar internacional, activo nesta temática, co fin de poñer en común as diferentes normativas desenvoltas en relación ás máscaras hixiénicas en Europa. Recentemente o Comité Europeo de Normalización publicou o CEN WORKSHOP AGREEMENT CWA 17553 relativo aos requisitos, métodos de ensaio e recomendacións sobre as máscaras hixiénicas, denominadas “community face coverings”.Este documento pódese atopar na seguinte ligazón: https://www.cencenelec.eu/research/cwa/documents/cwa17553_2020.pdf

Tres son os tipos de máscaras que poden ser adquiridas polas persoas consumidoras: as hixiénicas, as cirúrxicas que han de cumprir a normativa relativa aos produtos sanitarios e as máscaras EPI que han de cumprir o regulamento de Equipos de Protección Individual; e sobre estes tres tipos de produtos están a desenvolverse as citadas campañas.

Temática:
Produtos