O programa Consumo e Xenero, remata cunha boa acolliada por parte das asociacións participantes

09/Dec/2009
Santiago

O programa Consumo e Xénero, organizado conxuntamente polo Instituto Galego de Consumo e a Secretaría Xeral da Igualdade, concluíu a súa actividade con unha grande acollida polas asociacións que participaron nas xornadas, que esgotaron as prazas dispoñibles.

Estas xornadas que comezaron o 23 de novembro e remataron o día 4 de decembro, enmarcáronse no acordo de colaboración asinado polas dúas entidades nun acto público o pasado 30 de outubro, co obxectivo de reflexionar e analizar a influenza da perspectiva de xénero nas relacións de consumo.

Ao longo destas xornadas, nas que participaron 400 persoas membros de 20 asociacións de consumidores, desenvolveuse un programa de actuacións formativas para analizar o papel da muller no ámbito de consumo. No eido do consumo no que frecuentemente as relacións entre consumidores e provedores é de desigualdade en prexuízo dos primeiros, pódese agravar esta situación cando as persoas consumidoras son mulleres podéndose dar, en consecuencia un dobre menoscabo.

Este programa, novidoso en toda España, buscou ademais, obxectivos máis precisos como a mellora das actitudes de respecto aos dereitos das persoas; a reflexión e a análise dos procesos que sustentan a actividade de consumo e como inflúen nas relacións de xénero; a análise do papel da publicidade na perpetuación dos estereotipos sociais e mesmo na incitación á violencia de xénero; ou na educación nos valores do consumo responsable.

Das vinte asociacións participantes no programa, seis eran da provincia de Pontevedra, cinco de Lugo, cinco de A Coruña e catro de Ourense.

As diferentes actividades formativas realizáronse nas instalacións da Escola Galega de Consumo, nas que se desenvolveron de forma rotativa 4 obradoiros consistentes en: Construción das relacións de xénero e papel da muller nos hábitos de consumo actuais; Construción das relacións de consumo e a influencia de publicidade e os medios de comunicación na perpetuación dos estereotipos; Dereitos das persoas consumidoras e a labor das asociacións respecto da perspectiva de xénero nas relacións de consumo e Influenza da publicidade, os estereotipos e as relacións económicas na violencia de xénero.

A avaliación dos resultados obtidos con estas xornadas realizarase a través da comisión mixta creada no seo do acordo de colaboración, podendo nembargantes, salientar a satisfacción manifestada polas persoas participantes no programa.

Área temática

Galería de imaxes