Economía e Industria organiza contacontos, monólogos, obradoiros de consumo responsable, xornadas de portas abertas na Escola e no Laboratorio de Consumo e diferentes charlas

O programa da semana do consumidor achega o labor da xunta na defensa e proteción dos dereitos das persoas consumidoras

13/Mar/2012
Santiago

A Consellería de Economía e Industria celebra a semana do consumidor achegando o intenso labor de protección e defensa dos dereitos dos consumidores, a promoción de hábitos de consumo responsable e a mellora da seguridade do mercado, que desenvolve de continuo o Instituto Galego de Consumo (IGC).

Nesta semana, o IGC ofrece sesións de contacontos, monólogos humorísticos, obradoiros de consumo responsable a través das TIC, xornadas de portas abertas na Escola Galega de Consumo e no Laboratorio de Consumo de Galicia e diferentes charlas e conferencias.

Estas actividades, organizadas pola Consellería que dirixe Javier Guerra, forman parte dun programa de divulgación, orientado e adaptado a cativos e adultos co obxectivo de facer accesible a todos a mellor formación e información sobre consumo.

Os contacontos están dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, partindo do material didáctico editado polo Igc: "Dálle a volta", que inclúe o conto: "Area fai seis", unha actividade que tamén se fará hoxe na TVG, para o programa Preescolar na Casa. Mentres que os monólogos humorísticos están orientados aos adultos para achegar, dun xeito lúdico, os dereitos e deberes das persoas consumidoras e chamar a atención sobre a súa vulneración. Esta actividade terá lugar todos os días da semana, con entrada libre e está aberta á participación de afeccionados.

Tamén achegase o labor da Xunta e dos profesionais que traballan na protección dos dereitos das persoas consumidoras e da súa seguridade coas xornadas de portas abertas da Escola Galega de Consumo e no Laboratorio de Consumo de Galicia, o xoves 15 de marzo Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

Ademais, se celebrarán obradoiros de consumo responsable a través das TIC, co obxectivo de dar a coñecer como empregar estas tecnoloxías con seguridade nas compras en internet, correo electrónico, contratación de viaxes,... Esta actividade está dirixida ás escolas e está previsto que conte coa participación de 450 alumnos ao longo da semana.

Nesta iniciativa, tamén se inclúen charlas e conferencias para dar a coñecer os dereitos das persoas consumidoras en distintos ámbitos de consumo. De xeito que está programada a realización de dúas charlas para asociacións de consumidores sobre tarificación eléctrica ao longo da semana do consumidor e tres máis para realizar no mes de marzo.

Área temática

Galería de imaxes