Grazas á colaboración entre o Instituto Galego de Consumo e a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

O simulador de compras do IGC será a base do programa formativo da rede CEMIT sobre consumo e comercio electrónico para consumidores, comerciantes e profesorado

14/Mai/2012
Santiago

O simulador de compras do Instituto Galego de Consumo será a ferramenta utilizada este ano nas 98 aulas da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) no marco dun programa formativo sobre consumo e comercio electrónico dirixido de maneira especial a consumidores, comerciantes e profesorado e que se iniciará antes do verán. Así se recolle nun protocolo de colaboración asinado esta mañá entre a presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.

Grazas a esta colaboración o Instituto Galego de Consumo ampliará as súas actividades de difusión e formación a profesionais e consumidores empregando a infraestrutura e o equipamento tecnolóxico das aulas CeMIT presentes en 92 concellos das catro provincias galegas.

Simulador de compras

O simulador pon a disposición do usuario unha tenda virtual na que se pode achegar a actividades cotiás como a compra de alimentos. Permite ademais traballar distintos aspectos de consumo como o pagamento por internet e outros relacionados cos dereitos dos consumidores, entre os que se atopan o etiquetado dos produtos, as vendas a distancia, a publicidade, a protección de datos e a realización de reclamacións.

Este simulador, único en toda España, foi deseñado polo persoal da Escola Galega de Consumo, e xa ten sido demandado por moitas Comunidades Autónomas e Entidades, situando de novo a Galicia na vangarda no que se refire a formación e educación dos consumidores.

A Escola de Consumo atendeu o ano pasado a mais de 1000 alumnos e con este programa pretende ampliar a súa oferta e achegarse de maneira importante á poboación galega.

Colaboración co voluntariado dixital

O protocolo asinado hoxe recolle tamén a integración do simulador de compras na carteira de servizos do programa de "Voluntariado Dixital", que está a desenvolver a Amtega para favorecer o uso das novas tecnoloxías por parte persoas maiores e persoas con discapacidade.

O Instituto Galego de Consumo ofrecerá formación específica aos voluntarios do programa sobre os dereitos dos consumidores especialmente no eido do comercio electrónico para que poidan prestar o seu apoio nesta materia ao colectivos de maiores e persoas en risco de exclusión dixital.

Área temática

Galería de imaxes