O delegado da Xunta, Rogelio Martínez, e a xerente do Intituto Galego de Consumo,María Jesús Muñoz, abriron unha xornada na que se presentou o simulador eléctrico do IGC, que permite aos usuarios obter información sobre os diferentes elementos da factura.
Os asistentes puideron resolver as súas dúbidas ao respecto e coñecer diferentes medidas para reducir o consumo enerxético.
Instituto Galego de Consumo tramitou no 2013 máis de 360 reclamacións no eido da enerxía eléctrica en Ourense, das cales preto do 50% xa foron resoltas de forma favorable para o consumidor.
Ourense,

O delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, abriron esta tarde en Ourense unha xornada para consumidores dentro da campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis compresible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

No encontro, no que participaron a Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumo MONTEALEGRE e a Asociación de Consumidores e Usuarios do Ribeiro ACUR, os consumidores tiveron a ocasión de coñecer o simulador eléctrico, unha aplicación dispoñible na web do Instituto Galego de Consumo que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

Os asistentes á xornada celebrada en Ourense puideron consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións. Ademais, recibiron consellos de técnicos do Inega sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

A oficina do Instituto Galego de Consumo en Ourense tramitou no 2013 máis de 360 reclamacións no eido da enerxía eléctrica, das cales preto dun 50% xa foron resoltas de xeito favorable para o consumidor. Isto deixa de relevo, tal e como salientou Rogelio Martínez, non só a necesidade de campañas como a que hoxe se presentou na cidade ourensá, senón tamén a importante labor que desenvolve o IGC na resolución extraxudicial de conflitos.

Ademais de charlas como a realizada hoxe en Ourense, a campaña "Dálle luz á túa factura" contempla máis de 600 actuacións que beneficiarán a medio cento de concellos galegos e a 50 entidades que inclúen ás asociacións de consumidores. A todos eles facilitaráselles formación para o seu persoal co obxectivo de que poidan levar a cabo o programa no seu ámbito de actuación. Así mesmo, a través da Escola Galega de Consumo realizaranse obradoiros prácticos para usuarios de asociacións de persoas maiores ou con discapacidade, ao tempo que se incluirá Dálle luz á túa factura na programación anual da rede de centros para a modernización e innovación tecnolóxica da AMTEGA.

Temática:
Outros