30 de Decembro de 2009.-

A noite de fin de ano son moitas as persoas que acoden aos famosos cotillóns. Para poder gozar da festa e evitar na medida do posible, problemas que poidan xurdir, convén tomar certas precaucións.

O primeiro que debemos saber é que calquera local que organice unha festa deste tipo, ha de ter a correspondente licenza municipal, o que acredita que as instalacións cumpren coas condicións de seguridade e hixiene (saídas de emerxencia, extintores?). Así mesmo, estes locais haberán de ter a disposición dos consumidores, as correspondentes follas de reclamacións e o cartel anunciador da existencia delas.

Se decidimos acudir a unha destas celebracións, é conveniente que nos informemos dos servizos que inclúe a entrada (servizo de gardarroupa, barra libre, número de consumicións incluídas?)

Debemos gardar a entrada e comprobar que esta inclúe información suficiente para identificar o responsable da prestación do servizo, ademais do prezo final que pagamos por ela.

É importante que gardemos tamén calquera publicidade do evento xa que esta é vinculante para o prestador do servizo e servirá de proba en caso de ter que presentar unha reclamación.

En caso de que non se cumpra algunha das condicións ofertadas ou se presente calquera outro tipo de problemas, os consumidores deben lembrar o seu dereito a solicitar unha folla de reclamacións.

Para calquera consulta, o Instituto Galego de Consumo pon a disposición dos consumidores un número de teléfono gratuíto (900 23 11 23) ao que se poderá chamar en horario de 9:00 horas a 14:00 horas e de 16:00 horas a 20:00 horas.

Temática:
Outros