 No marco da iniciativa impulsada por Economía, Emprego e Industria para informar sobre como aforrar no recibo eléctrico, desenvólvese este xoves, 1 de decembro, este encontro a partir das 16.00 horas no edificio multiusos do Concello de Melide e, desde as 18.30 horas, no local social de Santa María en Arzúa
 Durante as xornadas, explicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria
 A iniciativa, que chegará a máis de 70 concellos galegos, dos que 22 están na provincia da Coruña, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico
 Os consumidores teñen a posibilidade de consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais
Santiago de Compostela, 30 de Novembro de 2016.-

Os municipios coruñeses de Melide e Arzúa acollerán mañá xoves, 1 de decembro, a campaña informativa Dálle luz á túa factura, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Durante estas xornadas expoñerase aos consumidores as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas fundamentalmente en aspectos como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria.

 

Os encontros celebraranse no edificio multiusos do Concello de Melide (praza das Universidades, s/n), a partir das 16.00 horas; e no local social de Santa María en Arzúa (lugar do Cruceiro, s/n), desde as 18.30 horas. Nestas xornadas tamén se prestará atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de ofrecerse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.

 

As sesións informativas do ciclo Dálle luz á túa factura está a percorrer as catro provincias galegas. Impulsada pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a iniciativa chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 22 se localizan na provincia da Coruña.

 

Os consumidores tamén poden acceder nas webs do Instituto Galego de Consumo e do Inega a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura.

 

Todas estas ferramentas completan as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).

 

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Temática:
SubministrosElectricidade