Os municipios pontevedreses de Vilagarcía e Vilanova de Arousa acollerán o mércores a campaña Dálle luz á túa factura
A campaña informativa Dálle luz á túa factura, que impulsa a Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estará o próximo mércores, 7 de decembro, nas localidades de Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Durante estas novas xornadas na provincia de Pontevedra, os consumidores terán a oportunidade de coñecer as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria.
Os encontros celebraranse ás 16.00 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Vilanova de Arousa (no pazo de Vista Alegre, no lugar de Boutrín, s/n) e, a partir das 18.30 horas, na sala de conferencias do auditorio municipal de Vilagarcía (avenida da Mariña, s/n). Para o próximo mércores, dentro da campaña Dálle luz á túa factura, tamén está prevista a realización de xornadas informativas en Mos, Ponteareas e A Cañiza. De feito, esta iniciativa organizada pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo (IGC) e o Inega chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra.
Durante estes encontros, préstase atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegarse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. Ademais, os consumidores poden acceder nas webs do Inega e do IGC a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura.
Todas estas ferramentas contribúen a completar as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA