Preto de 900 alumnos e alumnas de 19 centros educativos de Galicia participan no concurso de consumo responsable Consumópolis
Preto de 900 alumnos e alumnas pertencentes a 19 centros educativos de toda Galicia participan no concurso de consumo responsable Consumópolis, que nesta XI edición ten como obxectivo que os e as escolares coñezan as distintas maneiras de consumir, comparando aspectos relacionados coa alimentación, coa compra de produtos ou servizos, ou co lecer. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo (IGC), coordina este certame coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A primeira fase de Consumópolis-11 Ti consumes: Fano igual en todas as partes? consistiu na realización, por parte do alumnado, de diferentes probas na cidade virtual de Consumópolis que estaban relacionadas coa pregunta de se se consume do mesmo xeito en todas partes. Tras esta primeira etapa do concurso, o estudantado traballa no deseño, elaboración e presentación dun vídeo sobre a temática proposta. O alumnado que superou a primeira fase do proceso repártense en 137 equipos, que teñen de prazo ata o próximo xoves, 31 de marzo, para presentar os seus traballos, que terán en conta a tradición cultural.
Na fase autonómica establécense tres categorías por idades: 3º ciclo de primaria; 1º e 2º curso de secundaria; e 3º e 4º de secundaria. O IGC é o encargado de efectuar a convocatoria autonómica para premiar os mellores vídeos realizados polos centros educativos. En concreto, nesta fase autonómica repartiranse premios entre os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías que veñen de ser convocadas a través do Diario Oficial de Galicia: 1.000, 600 e 300 euros para os vídeos clasificados, respectivamente, en primeiro, segundo e terceiro lugar en cada nivel.
Os equipos de educación primaria comparan nos seus vídeos aspectos relacionados coa alimentación (produtos alimenticios, dieta...) ou co lecer; mentres que o alumnado de secundaria realiza comparacións entre o lecer ou a compra de produtos e servizos. Ademais, as persoas gañadoras de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional, que se celebrará en Madrid e que organiza a Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (Aecosan).
Pica no seguinte enlace para ver a convocatoria e descargar a solicitude de participación: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160318/AnuncioC40-150316-0009_gl.html