Tras completar a primeira etapa, consistente nun percorrido dun xogo on-line sobre consumo responsable e calidade de vida, preto de 190 equipos de toda a comunidade están a traballar xa na segunda fase do certame, que este ano leva o lema ?Entrénate ben para un consumo responsable?.
O alumnado está agora a elaborar un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, relacionando consumo e deporte, con temas como a compra de materiais deportivos ou os valores do deporte e o consumo responsable. No caso do alumnado de primaria, o proxecto consiste nun calendario escolar, mentres que o alumnado de secundaria deberá elaborar un cartel con viñetas.
Na fase autonómica establécense tres categorías por idades, con premios para os tres primeiros clasificados en cada unha delas que serán convocados proximamente a través do Diario Oficial de Galicia. Os gañadores representarán a Galicia na fase nacional, organizada polo Instituto Nacional de Consumo.
Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame.
Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.