Rosa Otero repite como presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios trala renovación dos seus membros
O Consello Galego de Consumidores e Usuarios, principal órgano de representación e consulta e de representación institucional das organizacións de consumidores e usuarios ante a Administración autonómica celebrou hoxe o seu primeiro pleno trala renovación dos seus membros, que se produce cada catro anos.
Unha vez constituído o novo consello, no que teñen presenza as principais federacións e asociacións de consumidores de Galicia, procedeuse á elección de cargos, que serán por un período de ano. Na reunión, presidida pola directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, foi elixida unha vez máis como presidenta do Consello Rosa Celia Otero Raña, presidenta da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema.
Asume o cargo de vicepresidente Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia. Ademais, forman parte da Comisión Permanente Teresa Flórez González , da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema, e Otilia Novegil Villanueva, da Asociación de Consumidores de Marín.
A colaboración coas organizacións de consumidores e usuarios para a posta en marcha de diferentes iniciativas é fundamental no traballo que desenvolve o Instituto Galego de Consumo, cuxos principais eixos de actuación na protección dos dereitos dos consumidores e usuarios se centran no control e vixilancia do mercado, a formación e a información ou a aposta pola mediación e arbitraxe.