A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, participaron hoxe na primeira das visitas enmarcadas no programa "Mar achega". Trátase dun proxecto piloto que arranca hoxe para amosar á poboación do interior de Galicia o sistema de extracción e primeira venda dos produtos da pesca artesanal capturados nas augas interiores de Galicia aos consumidores finais. O obxectivo de "Mar achega" é a valorización dos produtos do mar e a potenciación do seu consumo.
Grazas a este proxecto piloto, 50 persoas pertencentes a asociacións de consumidores de Melide e A Estrada achegáronse ata varias zonas de marisqueo de Combarro e visitaron o seu casco histórico, ademais da peixería "Baixura Galega" da Confraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra. A continuación puideron asistir á poxa na lonxa de Campelo e despois realizaron un percorrido polas instalacións da depuradora local, para coñecer o seu funcionamento. A esta visita sumáronse Rosa Quintana e Nava Castro, que estiveron acompañadas ademais polo delegado da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís, e mais a xefa territorial de Mar, Sonia Lorenzo.
Na súa visita, a conselleira incidiu na relevancia de consumir peixe e marisco fresco e deu a coñecer aos participantes as garantías que ofrece o seu etiquetado. Rosa Quintana explicoulles aos asistentes os requisitos que deben cumprir estes produtos respecto da identificación de orixe e das garantías hixiénico ? sanitarias e fixo fincapé "no consumo dos produtos que pasen estes controis". Neste senso resaltou que "os sistemas de comercialización e depuración galegos son garantía de que estes requisitos se cumpran".
A Administración pesqueira galega, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, organizará en total de 10 visitas a 7 portos da comunidade nas que participarán 50 persoas en cada unha. En total, beneficiaranse do programa "Mar achega" 500 persoas pertencentes a asociacións de consumidores do interior de Galicia. As actividades programadas variarán en función da localidade na que se desenvolvan pero sempre inclúen a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos á par que se difunde o patrimonio marítimo pesqueiro da zona de destino.