O acordo permitirá a realización de actividades que afonden no desterro dos estereotipos publicitarios femininos e da violencia de xénero

A Secretaría X. Igualdade e o IGC colaborarán para mellorar o papel da muller no ámbito do consumo

30/Out/2010
Santiago

A Secretaría Xeral da Igualdade e o Instituto Galego de Consumo, adscrito á Consellería de Economía e Industria, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá realizar, durante os últimos meses do ano, unha ducia de actividades que profunden na reflexión e a análise da perspectiva de xénero vinculada ás relacións de consumo.

 

Neste sentido, o acordo ten por obxecto desenvolver un programa de actuacións formativas, dirixido aos distintos colectivos de mulleres participantes, coa meta de analizar o papel actual da muller no ámbito do consumo. Así, cabe considerar que, hoxe en día, neste campo, prodúcese as veces un desequilibrio a favor dos provedores e en desvantaxe para os consumidores, namentres que no caso do xénero, é en desvantaxe para as mulleres, podéndose dar, en consecuencia, un dobre menoscabo para a muller consumidora ao xuntar ambos campos.

 

Con este motivo, o programa de actividades buscará, ademais, obxectivos mais precisos como a mellora das actitudes de respecto aos dereitos das persoas; a reflexión e a análise dos procesos que sustentan a actividade de consumo e como inflúen nas relacións de xénero; a análise do papel da publicidade na perpetuación dos estereotipos sociais na cosificación das mulleres e na incitación á violencia de xénero; ou a educación nos valores do consumo responsable.

 

Vinte cinco asociacións de mulleres
 

As actividades formativas, que se desenvolverán a través de doce xornadas formativas como máximo, dirixiranse a 25 asociacións de mulleres que serán seleccionadas pola Secretaría Xeral da Igualdade, levándose a cabo as diferentes accións, preferentemente, nas instalacións da Escola Galega de Consumo. O número máximo de participantes en cada xornada será de 40 persoas, e a súa duración ascenderá ata as catro horas lectivas, que se estruturarán en tres partes distintas: a construción das relacións de xénero, a construción das relacións de consumo, e o consumo en igualdade. Para o desenvolvemento das xornadas, crearase unha comisión mixta formada por persoas cualificadas tanto da Secretaría Xeral da Igualdade como da Escola Galega de Consumo. As funcións da mesma irán dende o impulso das propias actividades ata o seu seguimento e avaliación pasando pola resolución dos diferentes problemas que poidan xurdir.

Área temática

Galería de imaxes