Técnicos de consumo afondan na súa formación en servizos financeiros nunha xornada con expertos da CNMV e do Banco de España

31/Mai/2018
Santiago de Compostela
Xornada para afondar na formación no ámbito financeiro

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), en colaboración coa Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e co Banco de España, impulsou en Santiago de Compostela unha xornada para afondar na formación no ámbito financeiro e do investimento dos distintos profesionais que interveñen no asesoramento e resolución das problemáticas das persoas consumidoras.

Durante a xornada tratáronse os aspectos máis relevantes dos principais produtos de investimento (renda fixa, renda variable, produtos estruturados, e fondos de investimento); os riscos destes produtos; a súa normativa reguladora; as súas principais problemáticas e os mecanismos e criterios de resolución empregados pola CNMV. Deste xeito, tratáronse temas relacionados coa toma de decisións de investimento, as estafas e as fraudes financeiras ou a Directiva Europea sobre Mercados de Instrumentos Financeiros (MIFID).

Pola súa banda, no programa impartido polo Banco de España abordáronse temas de interese relativos ás operacións de financiamento máis habituais; os diferentes medios e servizos de pago (efectivo, tarxetas de débito, de crédito...); as condicións aplicables ás contas e aos depósitos bancarios; as hipotecas inversas; as problemáticas máis frecuentes en relación aos produtos bancarios e os mecanismos e criterios de resolución de reclamacións empregados polo Banco de España.

Coa celebración desta xornada o IGCC busca optimizar a atención das reclamacións e das consultas das persoas consumidoras nesta materia especialmente sensible e complexa, facilitando a aplicación dos procedementos de intermediación e resolución alternativa de litixios. 

Galería de imaxes