O delegado da Xunta destacou que a mocidade está cada vez máis concienciada co prezo da luz e coa importancia de acender o botón de aforrar
A Coruña, 15 de Marzo de 2022.-

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, salientou, esta mañá, coincidindo coa celebración do Día internacional dos dereitos das persoas consumidoras, que os galegos están cada vez máis concienciados co prezo da luz e coa importancia de acender o botón de aforrar. Trenor destacou que, nun momento no que o mercado enerxético está tan tensionado, é moi positivo que saiban como repercute no seu día a día e na economía das familias. No acto estivo acompañado pola presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Rosa Otero.

A Xunta de Galicia celebra este día establecendo puntos de información ao consumidor nas sete principais cidades galegas nos que se convidará á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a administración autonómica pon ao seu dispor no ámbito da información e o asesoramento, así como na resolución de conflitos. Así, no ano 2021 a oficina da Coruña do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) atendeu un total de 6.559 consultas, un 9% máis que no 2020, e tramitou 3.018 reclamacións, un 4,7% máis ca o ano anterior.

Tamén con motivo da celebración do Día internacional dos dereitos das persoas consumidoras, estableceranse os Venres de Consumo Responde unha convocatoria, con vocación de permanencia todo o ano, mediante a cal todos os venres, ás 12.30 horas, celebraranse a través da aula virtual de consumo charlas abertas a partir dunha temática para que a cidadanía poida consultar as súas dúbidas. Este vernes, 18 de marzo, inauguraranse os Venres de Consumo Responde cunha charla virtual sobre a factura da luz no enlace https://formacion-consumo.xunta.gal/

Temática:
Outros