Lugo, 4 de Febreiro de 2014.-

A directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, abriu este serán en Lugo unha xornada para consumidores dentro da campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Consumo, persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

No encontro que tivo lugar na sede de Conumar (Asociación de Consumidores e Usuarios en Marcha), e participaron tamén a Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Monterroso, así como as asociacións Lucus, Acua e Acul, os consumidores tiveron a ocasión de coñecer o simulador eléctrico, unha aplicación dispoñible na web do Instituto Galego de Consumo que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

.Ademais de charlas como a realizada hoxe en Lugo, a campaña Dálle luz á túa factura contempla máis de 600 actuacións que beneficiarán a medio cento de concellos galegos e a 50 entidades que inclúen ás asociacións de consumidores. A todos eles facilitaráselles formación para o seu persoal co obxectivo de que poidan levar a cabo o programa no seu ámbito de actuación. Así mesmo, a través da Escola Galega de Consumo realizaranse obradoiros prácticos para usuarios de asociacións de persoas maiores ou con discapacidade, ao tempo que se incluirá Dálle luz á túa factura na programación anual da rede de centros para a modernización e innovación tecnolóxica da Amtega.

Temática:
SubministrosElectricidade